Docentia

Preparar o alumnado para unha sociedade dixital require especialización

Javier Feijóo López

miércoles, 21 octubre 2026
A transformación dixital da educación non pode limitarse a poñer máis tecnoloxía nas aulas. Se a programación, a ciberseguridade, os datos e a intelixencia artificial van formar parte do futuro académico e profesional do alumnado, tamén cómpre preguntarse polos perfís docentes dos centros. Galicia conta con profesorado especialista en Informática, pero a súa presenza segue moi ligada á FP. É o momento de valorar se todos os institutos deberían contar con este coñecemento especializado.
Ilustración aula de informática

A informática xa forma parte da vida académica, persoal e profesional da nosa sociedade. Programación, datos, ciberseguridade e, especialmente, intelixencia artificial son ámbitos que terán cada vez máis peso no futuro do noso alumnado.

Por iso, cando falamos de transformación dixital do ensino, non deberiamos pensar só en equipamentos, plataformas ou formación do profesorado. Tamén debemos preguntarnos: «Contan os centros cos perfís docentes especializados que require esta realidade?»

En Galicia, o profesorado da especialidade de Informática concéntrase principalmente nos centros que imparten ciclos de Formación Profesional da familia de Informática e Comunicacións. Como consecuencia, moitos institutos de ESO e Bacharelato non contan habitualmente con ningún especialista nesta área. Quizais sexa o momento de que a Consellería valore tamén esta cuestión.

Competencia dixital e especialización

É imprescindible que todo o profesorado teña unha boa competencia dixital. Pero iso non elimina a necesidade de especialistas.

Ocorre en todas as áreas educativas. Moitos docentes utilizan matemáticas, linguaxe ou coñecementos científicos no seu traballo, pero iso non substitúe a existencia de especialistas nesas disciplinas.

A especialidade de Informática concentra a súa formación en programación, algoritmos, sistemas operativos, redes, bases de datos, seguridade, arquitectura de computadores ou desenvolvemento de software. Outras especialidades achegan coñecementos distintos e complementarios. Non se trata, polo tanto, de substituír a ninguén, senón de sumar perfís especializados que poidan colaborar entre eles.

O propio sistema educativo recoñece esta realidade. O profesorado de Informática ten atribución docente en diferentes materias de ESO e Bacharelato relacionadas coa dixitalización, as tecnoloxías da información e a intelixencia artificial. A contradición aparece cando esa capacidade existe sobre o papel, pero moitos centros non dispoñen de ningún docente desta especialidade.

A intelixencia artificial cambia o escenario

A expansión da intelixencia artificial fai esta cuestión aínda máis relevante. Ensinar a utilizar unha ferramenta de IA non é o mesmo ca comprender a intelixencia artificial. O alumnado necesitará coñecer, ao nivel adecuado para cada etapa, cuestións relacionadas cos datos, os algoritmos, os modelos, os nesgos, a privacidade, a seguridade ou as limitacións destas tecnoloxías.

E estes coñecementos non serán necesarios unicamente para futuros informáticos. A intelixencia artificial e a automatización están chegando á medicina, á industria, á administración, á economía, á investigación, á comunicación ou á enxeñaría. Para unha parte importante do alumnado, a competencia informática será unha ferramenta profesional básica.

Usar tecnoloxía non significa dominala

Tamén debemos superar a idea de que, por seren usuarios habituais de móbiles, redes sociais e aplicacións, os mozos e mozas dominan necesariamente as ferramentas dixitais.

Na práctica, e na miña breve experiencia o teño visto, é frecuente atopar alumnado con dificultades para organizar ficheiros e cartafoles, elaborar correctamente un documento, utilizar unha folla de cálculo ou xestionar información de maneira eficiente. Son habilidades básicas, pero fundamentais tanto para continuar estudando como para incorporarse ao mundo laboral.

A formación dixital debería construír eses fundamentos e avanzar progresivamente cara á programación, os datos, a ciberseguridade e a intelixencia artificial.

Un recurso para todo o centro

A presenza dun especialista en Informática tamén pode beneficiar o instituto máis alá das materias que imparta. Pode colaborar en proxectos interdisciplinares, apoiar a formación dixital do profesorado, orientar sobre o uso educativo da intelixencia artificial, asesorar en cuestións básicas de seguridade ou servir como referente en determinados proxectos tecnolóxicos. Tamén pode axudar a identificar incidencias sinxelas ou facilitar a comunicación cos servizos técnicos.

Isto non significa converter o profesorado de Informática no persoal de mantemento do centro. Esa función necesita recursos propios ou asignación horaria. Pero tampouco deberíamos ignorar o valor que supón contar dentro do claustro cun profesional especializado neste ámbito.

Unha aposta da Consellería

O proxecto de Lei de educación dixital de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento, aposta pola competencia dixital, pola formación do profesorado e pola transformación tecnolóxica dos centros. Neste contexto, tamén sería oportuno reflexionar sobre se esa transformación debería ter reflexo nas plantillas, incorporando progresivamente profesorado especialista en Informática aos institutos.

Un centro con ciclos de Informática pode contar con varios especialistas, mentres outro instituto próximo, con centos de alumnas e alumnos de ESO e Bacharelato, pode non contar con ningún, cando o alumnado de ambos terá que desenvolverse na mesma sociedade dixital.

Por iso sería razoable estudar unha incorporación progresiva de profesorado de Informática tamén nos centros que non teñen Formación Profesional desta familia.

Non se trata de retirar espazo a outros departamentos. Trátase de sumar coñecemento.

A transformación dixital da educación non consiste só en introducir tecnoloxía nas aulas. Tamén consiste en contar coas persoas e cos perfís profesionais necesarios para ensinar a comprendela e utilizala correctamente.

Share Buttons
Categorías: Ensino

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario