Hai uns días, lin con inmensa felicidade a nova de que a Consellería ía poñer a disposición do profesorado un servizo de asesoramento e apoio psicolóxico. Unha medida, na miña opinión, imprescindible para abordar a crise de saúde mental na que a comunidade educativa está inmersa. Esta situación xa non afecta so ao alumnado, se non tamén ao profesorado. Os servizos de Orientación están desbordados e o labor de dar apoio psicolóxico e emocional ao estudantado está a recaer nas persoas titoras e demais docentes que, en moitos casos, carecen da formación para desenvolver esta tarefa sen caer no trauma vicario.
É ben sabido que a xuventude está a atravesar un momento crítico. A rapazada enche as consultas de psiquiatría e psicoloxía, os intentos autolíticos e os trastornos da conduta alimentaria son cada vez mais frecuentes, especialmente nas adolescentes. Porque isto tamén é unha cuestión de xénero, aínda que non sexa obxecto desta entrada. A diario, observo como o alumnado acode as titorías xa non para solventar dúbidas académicas, se non na procura dunha persoa coa que falar. Isto faise especialmente patente co alumnado adulto que atopa no centro educativo unha válvula de escape a situacións persoais e familiares complexas. A miúdo, as miñas clases convértense en sesións de terapia colectiva. E por suposto que podería seguir adiante coa programación, pero son incapaz de mirar para outro lado cando alguén claramente está a pedir axuda. Mentres escribo esta entrada, recibo unha mensaxe dunha alumna totalmente desmotivada que me di que quere abandonar o curso a estas alturas. Redacto unha mensaxe de ánimo, doulle folgos, fago de “coach”. Nun tempo no que os profesionais de saúde mental do sistema público non poden consultar coa periodicidade que desexarían e moita xente non pode asumir pagar un servizo privado, o profesorado eríxese nunha figura clave de acompañamento emocional para o alumnado. Ao fin e ao cabo, estamos dispoñibles a diario e as profesionais da saúde mental, debido ao colapso sanitario, só de cando en cando.
Pero cal é o prezo de semellante esforzo? Un agotamento que na recta final do curso comeza a pasar factura. Porque as docentes vocacionais somos coma os autónomos e levamos o traballo para casa. Non deixamos de pensar en como axudar ao noso alumnado no tempo libre. Buscamos guías de actuación, cursos de formación, preguntamos as compañeiras, para acabar facendo o que boamente podemos. Cuestionámonos en moitas ocasións pensando se fixemos o correcto. Se cadra é a “síndrome da salvadora”, se cadra non nos corresponde realizar esta tarefa, pero a realidade das aulas é esta. Un día, unha alumna di que é vítima de violencia machista; ao seguinte, outra confesa que está a pasar por unha enfermidade sen apoios familiares e o derradeiro, alguén escribe unha carta falando das súas tentativas suicidas. Sen lugar a dúbidas, son situacións moi graves que non poden obviarse. O profesorado, sen apenas ferramentas, ofrece o único que ten, unha escoita activa. Non é doado seguir adiante entre tantas persoas feridas. Aínda lembro a petición dunha compañeira “para cando as chaves do cuarto de chorar?”. Ao fin e o cabo, as docentes sumamos a nosa mochila os problemas do alumnado, o que fai que en moitas ocasións a carga sexa excesiva e nós mesmas, caiamos no desánimo.
É por iso que o acompañamento psicolóxico é fundamental para toda a comunidade educativa. Na actualidade, unha parte importante do alumnado busca conforto no profesorado que ve todos os días. Non é infrecuente que acudan a nós, en lugar de a Orientación ou a un profesional, somos figuras de confianza. As docentes, pola nosa banda, non precisamos aprender mais de novas tecnoloxías, se non ferramentas de xestión emocional e técnicas de autocoidado. Así, desde o noso ámbito – de materia ou titoría- poderemos complementar o traballo de Orientación e dos profesionais sanitarios, coidando a nosa saúde mental no entanto.












0 comentarios