Docentia

Vinte e un días de arrinque

Eva Cabanelas Dopazo

jueves, 8 octubre 2026
Din que compren vinte e un días para crear hábitos. As tres primeiras semanas do curso constitúen un auténtico desafío para o profesorado, especialmente para substitutas e interinas.

Poucas épocas hai no curso tan estresantes coma o comezo: temos que vencer a inercia do verán e facer fronte a un feixe de cuestións urxentes: programacións, solicitudes de proxectos, convenios de empresas, etc. Todo isto sumado en moitos casos, a cambios de centro, de vivenda, de provincia. É o que dei en chamar “aterrizaxe de emerxencia”. No caso dalgúns ciclos, coma o de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría, é habitual para a persoa recén chegada asumir a titoría de FCT do alumnado do curso anterior que comeza xa en setembro. A situación pode volverse crítica se non hai unha persoa veterana no Departamento a quen acudir ou se é unipersoal e a túa única compañía es ti mesma.

As primeiras semanas dedícalas a coñecer ao alumnado: falar con elas, pasar enquisas e pedir referenzas as compañeiras. Este feito é de vital importancia cando se trata dunha clase de trinta e cinco con mais de dez repetidoras. Na aula non hai espazo, buscas polo centro mesas e cadeiras. Neses primeiros días, é cando o alumnado “tira da corda” para coñecer os límites da persoa titora. No ADN adolescente está cuestionar as normas de convivencia e a iso, se dedican a maioría do tempo: puntualidade, saír ao baño, pausas entre clases (fóra dos tempos de lecer pautados), etc. Por outra banda, está a batalla polo acceso a aula virtual: usuarios que non funcionan, contrasinais incorrectos e continuas mensaxes ao coordinador TIC ata que por fin, toda a clase o consegue. É un fito digno de celebración.

Mais o que de verdade quita o sono son as titorías: facer a distribución de clase, tentando dar resposta as necesidades de todo o alumnado. Entre protocolos, problemas de visión e incompatibilidades varias, ubicar a cada alumna no seu sitio ideal semella un imposible. Raro é que todo o mundo estea conforme a primeira, así que toca probar combinacións ata facer bingo, e consultar a diario con Orientación. E cando o croquis está listo por fin, aparecen novos nomes na listaxe do grupo. Experimentas un “deja vu” e repites normas, acceso a aula virtual e contidos vistos. Cando a final de mes se pecha a matrícula, comezas a respirar tranquila, ata que caes na conta de que tes que facer cambios na programación e ir organizando reunión coas familias.

Disque o dos vinte e un días é un mito, que fan falta polo menos sesenta e seis para facer unha rutina. Se cadra é certo, porque cada ano que pasa, custa mais afrontar un setembro frenético. Como coincidan problemas de saúde, o estrés fai o resto. Aínda está pendente propoñer actividades complementarias e decidir, antes de que remate o ano, en que gastar o orzamento. O complexo é ter que facelo en tempo récord, tecer redes coas empresas nun lugar ao que acabas de chegar ou dilucidar as necesidades de material dun obradoiro no que non atopas chaves para abrir os armarios. Non obstante, unha vez conseguimos arrincar, continuamos o curso con movemento rectilíneo uniforme ata nova orde (ou incidencias).

Share Buttons

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario