Docentia

Docentes sobreviventes

Eva Cabanelas Dopazo

domingo, 6 septiembre 2026
Instalarse nunha nova vivenda ano tras ano sen dispor de vehículo propio, constitúe un auténtico reto de supervivencia. Cómpre seleccionar o indispensable para vivir uns días co que colle nunha mochila.

Escribo esta entrada coa lanterna do móbil acesa. Espertei na miña nova vivenda sen luz nen corrente nos enchufes: totalmente a escuras, agardando que amaneza. Tento subir o limitador pero non hai maneira. Como aínda é cedo para notificarlle a incidencia a miña caseira, almorzo. A falta de bol, vexo como o iogur con muesli se desparrama nun prato fondo. É unha imaxe triste. Emprego o único coitelo que hai no caixón da cociña para abrir o aguacate, debo usalo con sabedoría. Teño os calcetíns negros por baixo porque non teño pantuflas. Nesta mañá miserenta, lembro que hai anos estiven peor, que durmín nunha cama sen sabas tapada cunha toalla que fun comprar ao bazar, xunto cunha culler para comer o iogur. Daquela estaba na costa e amencín aterecida pola humidade. Esa si que foi unha noite toledana, a véspera de comezar as clases. A lo menos este curso, teño unha semana para adaptarme e completar a vaixela.

Nestes anos de mudanzas, coñecín moitos tipos de caseiros. Hai quen infla o alugueiro e quen se solidariza co docente errante. Hai quen prefire pagos en man e quen quere transferencias. Hai quen aluga a vivenda totalmente equipada ou completamente baleira. O da roupa de cama, enténdoo, é algo moi persoal. Eu xa teño un kit portátil de sabas e toallas patrocinado pola miña nai e un par de almofadas que o meu cuñado me donou. En verán repousa no desván e en setembro, sae de novo a pasear. O da vaixela hai a quen lle anoxa o estómago; eu non son escrupulosa, a dos restaurantes tamén a empregan centos de persoas e ben lavada, que problema hai? Na cociña da miña casa, teño enseres duplicados (pota, escorredor de pasta, tixola, culler de pau e espumadeira- o mínimo para cociñar) que merquei anos atrás. Persoalmente, o que me parece un auténtico drama é non ter cubo do lixo. Imaxino que os caseiros retírano por cuestións hixiénicas pero a min dame mágoa ver como a bolsa de plástico se derrete baixo o vertedoiro coma os reloxos de Dalí. Postos a retirar, penso que a vasoiriña do inodoro é moito mais persoal. E que dicir das perchas, é moi triste non ter como colgar a roupa.

Tras tantos cambios de domicilio- primeiro coma estudante e despois coma docente, decátome da cantidade de trebellos que precisamos para vivir cun mínimo de comodidade. Nesta vivenda, non teño televisión, rescatarei unha vella dos meus pais. Non é imprescindible, pero fai ruído cando estou soa. E con tanto tareco como dicía meu avó, comezamos o curso cun coche cargado a rebentar e rematamos do mesmo xeito, sen visión polo espello de atrás. Aínda que podemos acostumarnos ao nomadismo, é algo que co tempo custa cada vez mais. É por iso que moitas compañeiras prefiren viaxar a diario, mais o esforzo de madrugar ou conducir de noite, expoñéndose aos riscos da estrada, segue ser un prezo alto a pagar. Ninguén dixo que ser docente itinerante fora sinxelo, en ambos casos temos que renunciar: ou a vivir na nosa casa ou a gastar tempo da nosa vida en nos desprazar. En todo caso, alugar unha segunda vivenda ou encher o depósito comeza a ter un custo estratosférico, tanto a nivel económico coma emocional.

Comeza a amencer e teño unha idea: probo a desenchufar o termo de auga quente e bingo, son capaz de subir o automático. Volvo a ter corrente e retomo a escritura despois dun anaco, quedara sen batería no ordenador. Xa é unha hora prudente, chamo a caseira e comunícolle o problema. Resulta que o termo está avariado e non teño auga quente para me duchar. Anda a voltas coa vendima, pero comprométese a solucionalo o antes posible. Ela, que é de bo corazón, ofréceme a súa casa. Como fai calor, valoro ducharme en auga fría, como facía de cando en vez na residencia de estudantes. Tamén podo quentar unha pouca auga nunha pota e lavarme por parroquias. Menos mal que sempre nos quedarán as duchas dos vestiarios do instituto, aínda que non estou segura de que vaian funcionar.

Se che apetece compartir algunha outra ruína relacionada coa túa mudanza docente, envía un email a ecabanelas@edu.xunta.gal. As mudanzas, con humor, lévanse mellor.

Share Buttons

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario