Coincidindo co mundial de fútbol e a estrea do filme “A Odisea”, o profesorado estaba a participar nunha loita épica: docente vs. Administración. Unha loita que se desenvolve nun momento crítico, onde as e os combatentes empregan os escasos folgos que lles quedan tralo curso, para participaren nunha contenda na que a súa saúde mental entra en xogo. Esta contenda non se libra nun estadio, se non nos centros educativos; mais ten moito en común coas competicións futbolísticas, fases eliminatorias nas que caen a maioría dos equipos. E coma en calquera batalla, as continxentes rematan con cicatrices, en forma de aprendizaxes, que quedarán para sempre na súa memoria. Esta é uha homenaxe a todo o profesorado que, a pesar do seu esforzo, non chegou a Ítaca. Unha homenaxe aos caídos nesta viaxe.
A primeira batalla sempre é a mais sanguinaria, nela prodúcese o maior número de baixas. A miúdo, librase en condicións extremas de calor e/ou incomodidade, que sumadas o cansancio de remar en galeras durante todo o curso, fai que loitemos en situación de desigualdade. David contra Goliat, unha primeira xornada extenuante, onde combatir por partida dobre, pola mañá e pola tarde. As continxentes achéganse ao campo de batalla con ou sen adestramento previo- a corpo descuberto ou ataviadas con cota de malla. Mentres que as primeiras teñen unha alta probabilidade de caer neste primeiro combate, as segundas contan a priori con mais opcións de supervivencia. Pero os camiños da guerra son inescrutables e a sorte pode sorrir as ousadas e darlle as costas ás instruidas. A deusa fortuna disporá quen continua nesta epopea. Desde o punto de partida, respecto absoluto a quen se embarca na viaxe, cando as circunstancias persoais lle son adversas.
O segundo embate, que ten lugar semanas mais tarde, é un corpo a corpo coa Administración, de batalla a duelo. De Grecia a Idade Media. A tensión aumenta cando o número de contendentes baixa. Mais neste punto, as capacidades de damas e cabaleiros están moi mermadas: lentos de reflexos, a defensa é complicada. A fin da viaxe está próxima e as ansias de chegar son moitas. Coma na primeira batalla, as continxentes poden chegar preparadas ou por sorpresa. Aínda así, terán que presentarse no día e lugar indicado, xa sexa cunha estratexia definida con tempo coa axuda dun mestre ou improvisada individualmente contrarreloxo. Esta segunda opción, estilo kamikaze, é a única alternativa das que non contaban lidiar o segundo asalto. Mais nas distancias curtas, onde non hai espazo para a casualidade, a guía dun docente, coma non podía ser doutro xeito, é o factor que marca a diferenza. Próximos ao destino, respecto absoluto a quen xa sen forzas, érguese de novo.
Tras un mes nas trincheiras, entre súor e bágoas, chega por fin o final da epopea. Ese momento no que se coñece quen acadou a meta. Eses nomes que se gravarán nos anais da historia e outros, que seguirán facendo historia nos seus centros. Porque nesta viaxe, non hai vencedoras nin vencidas: hai supervivintes. Sen dúbida, é mais duro encaixar a caída fronte a costa de Ítaca que saíndo de Troia. Aforrariamos sufrimentos pero perderiamos a oportunidade de coñecer outros lugares. Hai que ser moi valente para embarcarse nunha viaxe de anos, na que a Administración é a tempestade que sacode o barco da nosa vocación docente. Parabéns aos que chegades e por suposto, aos que o seguides intentando. Xuntas nos triunfos e tamén, nas aprendizaxes.
Se che apetece compartir a túa epopea persoal, non dubides escribirme a ecabanelas@edu.xunta.gal. Se cadra este é o prólogo dunha odisea compartida 😉












0 comentarios