ProfesoradoGalicia.com vén de estrear unha aplicación que permite localizar centros educativos galegos segundo a túa posición ou calquera localización que introduzas manualmente. A ferramenta, dispoñible de balde na web, está pensada para axudar o profesorado que participa en concursos de traslados, CADP ou procura de destinos, así como a quen desexe coñecer a oferta e características dos centros.
Como funciona
O sistema detecta automaticamente a túa posición (se así o permites) e amosa un listado de centros ordenados por distancia ou tempo estimado de desprazamento. Tamén podes introducir manualmente un enderezo ou lugar, coa opción de autocompletado e suxestións.
A partir desa localización, podes aplicar filtros avanzados como:
- Tipo de centro (CEIP, IES, CPI, CFEA, CIFP, EOI…)
- Provincia
- Xornada e especial dificultade (cando corresponda)
- Busca por nome de centro
- Busca por especialidade impartida
O resultado amósase nunha táboa interactiva con ligazóns á ficha oficial da Xunta, acceso directo a mapa, Street View, rutas en coche, e botóns para copiar rapidamente os códigos de centro ou localidade.
Información detallada de cada centro
Ao abrir a ficha dun centro, a aplicación amosa datos completos como:
- Especialidades docentes e unidades por etapa
- Número de prazas de PT, AL, orientación…
- Oferta de ciclos formativos e familias profesionais
- Enlace directo á oferta completa de FP
Esta información, organizada segundo o tipo de centro, é especialmente útil para planificar destinos ou preparar peticións de prazas.
Recoñecemento e agradecementos
A nova versión de Cole Maps xa está dispoñible en Profesoradogalicia.com, substituíndo por completo á anterior aplicación de Centros educativos creada por Marcos Chavarría, quen autorizou hai anos a súa publicación na web e cuxo traballo estivo dispoñible durante moito tempo ao servizo do profesorado galego.
Desde ProfesoradoGalicia.com queremos expresar o noso agradecemento a Marcos polo seu proxecto pioneiro e a Alberto Fortes pola súa colaboración na recollida de datos para Cole Maps, sen a cal esta nova ferramenta non sería posible.












0 comentarios