A día de hoxe, aínda me sorprende escoitar nalgúns lugares que a educación en igualdade non é responsabilidade do profesorado. Coma docentes, non podemos darlle ás costas a unha problemática, que mais aló da rúa, é unha realidade que vivimos nos propios centros educativos. Non falo de violencias físicas, que coma todas sabemos, son o cumio do iceberg e por suposto, constituén unha liña vermella nas normas de convivencia dos centros. Falo desas alumnas que pasan os tempos de lecer ou incluso as clases pegadas ao móbil. Falo do trato desigual que recibimos as docentes por parte do alumnado adolescente en comparación cos nosos compañeiros homes. Nunha época na que a misoxinia ten vía libre nas redes sociais, é desde a escola onde debemos combater estes comportamentos.
Tristemente, todos os cursos nas aulas de Secundaria son testemuño dalgún caso de violencia entre as miñas alumnas; o que me leva a pensar que non son excepcións. O simple feito de traballar datas sinaladas en materia de igualdade – xa sexa con lecturas ou pezas audiovisuais- contribúe a crear espazos seguros, onde moitas alumnas poden reflexionar sobre o tipo de relacións que manteñen. Unha alumna de dezasete anos enumera patróns tóxicos nunha relación de parella: fala dunha muller ficticia, fala dela mesma, está pedindo axuda. Durante un exame extraordinario a soas coa profesora, outra alumna de dezaseis anos, responde ao teléfono en metade da proba. Está atemorizada, o seu interlocutor está a recriminarlle por que non responde as súas mensaxes. A alumna pídelle a docente que confirme que está a realizar un exame a esa voz masculina que está ao outro lado do teléfono. A docente tenta falar con ela, facerlle ver que o que acaba de acontecer non é normal e a alumna, avergoñada, baixa a mirada e marcha correndo. Unha terceira alumna duns cincuenta anos confesa que a súa exparella tena ameazada, que ten medo cando vai soa ao traballo. E coma estes, outros moitos exemplos, porque a violencia machista non entende de idade.
Tampouco entende de xerarquías, nin de autoridade e as profesoras, non saímos indemnes desta realidade. Un grupo de rapaces de 4º ESO teñen por costume colocarse en ringleira diante da porta para impedir o acceso as profesoras, cousa que non fan cos seus homólogos varóns. Un bo día, tres destes rapaces, deciden acantoar a unha docente nunha esquina do corredor para “divertirse” e outro día, métense no coche doutra sen permiso. Outro grupo de rapaces ameazan a unha docente con raiarlle o coche, insúltana, escriben por todas partes esa palabra de catro letras. Elas non se senten seguras, dan aulas coa porta aberta por se teñen que pedir axuda. Un deses adolescentes decide opinar sobre a vestimenta da profesora, sobre o seu ventre, sobre se quedou embarazada dun día para outro. Eses mesmos adolescentes fan comentarios irrespetuosos cara a profesora de prácticas. Pero isto xa pasaba cando eu estudaba. Sempre me lembrarei daquela profesora que saiu chorando da clase e colleu a baixa cando un alumno problemático a insultou de forma grave. Vinte cinco anos despois, agora como profesora, vivín algo semellante en primeira persoa.
A falta de respeto e a perda de autoridade do profesorado son un problema xeralizado nas aulas, tanto para homes como para mulleres. Sen embargo, elas levan a peor parte. Revertir estas condutas so é posible coa unión de todo o claustro. Coeducar non é unha alternativa, é o noso deber coma docentes. Nese sentido, creo firmemente que quen mais pode influír nos rapaces son precisamente, os mestres e profesores, converténdose en referentes doutro tipo de masculinidades. Persoalmente, tiven a sorte de coincidir con moitos compañeiros comprometidos coa causa, indignados coas situacións que temos que vivir moitas alumnas e docentes e 100% implicados na educación en igualdade. Soño con que dentro doutros vinte e cinco anos, cando estea próxima a xubilación, consigamos ter erradicado esta violencia das aulas.












0 comentarios