Nos últimos tempos, a intelixencia artificial xerativa entrou polas portas das nosas aulas case sen chamar. O alumnado xa a emprega para facer resumos, resolver exercicios ou mesmo xerar código, como demostra un estudo recente no estado español onde di que o 82 % do alumnado de 14 a 17 anos afirmou que xa empregou algunha ferramenta de intelixencia artificial, sobre todo chatbots ou asistentes virtuais. Tamén se sinala que o 73 % do profesorado e o 69 % dos pais e nais recoñecen empregalas. E como docentes, moitas veces quedamos coa dúbida: fixo o traballo el ou fíxollo a máquina?
Na miña experiencia, isto afecta sobre todo á avaliación. Sempre procurei darlle valor ao traballo autónomo, pero agora xa non chega con corrixir o resultado final. Necesitamos avaliar o proceso:
- Ver como explica o alumnado o que fixo.
- Observar como mellora un exercicio paso a paso.
- Introducir defensas orais, revisións en directo ou preguntas de reflexión.
Integrar ou prohibir?
Prohibir o uso da IA é tan irreal como prohibir no seu día as calculadoras ou internet. Desde o meu punto de vista o reto ten que ser integrala:
- Como apoio para xerar exercicios de práctica.
- Como ferramenta de motivación ou creatividade.
- Como recurso inicial, pero pedíndolle sempre ao alumnado que revise, adapte e mellore.
Tamén coido que debemos ser claros. A IA non pode substituír o estudo nin a aprendizaxe memorística básica, que segue a ser necesaria para consolidar coñecementos. Non se pode razoar ben en Matemáticas sen saber multiplicar, por exemplo, nin analizar un texto se non se domina o vocabulario. A IA pode acompañar, pero a base debe seguir sendo o esforzo persoal e o coñecemento adquirido.
Estamos preparadas e preperados?
Sinceramente, penso que non tanto. A maioría de nós non recibimos formación en IA e imos aprendendo sobre a marcha. Por iso é clave que existan espazos de formación práctica para docentes, onde vexamos posibilidades reais, riscos (privacidade, dependencia, sesgos) e como explicarlle todo isto ao alumnado.
Aliada ou inimiga?
Isto sempre vai depender do uso que fagamos. Inimiga cando se converte nun atallo para copiar sen aprender, e aliada se a empregamos para personalizar aprendizaxe, fomentar pensamento crítico e liberar tempo para acompañar mellor o alumnado.
A IA chegou para quedar. A nosa tarefa agora é aprender a convivir con ela e ensinar a usala con criterio. Só así pasará de ser unha ameaza a un recurso educativo potente, sen esquecer que o estudo, a práctica e a memoria seguen a ser insubstituíbles.
E vós, compañeiras e compañeiros, que facedes na vosa aula? Xa tivestes que modificar algún sistema de avaliación por mor da IA? Pensastes en prohibila ou integrala? E o máis importante: como explicarlle ao alumnado a diferenza entre usar a IA e aprender con ela?












0 comentarios