O documento asinado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos deixa meridianamente claro que as promesas de reducir ratios non eran máis ca iso: promesas. No punto primeiro do texto recóllese unha excepción á norma que permite incrementar o número de alumnado nas aulas: permítese expresamente elevar as ratios ata 25 alumnos/as por unidade en Educación Infantil e Primaria cando haxa máis solicitudes que prazas. Bastará con que algunha das crianzas teña puntuación por domicilio ou por ter irmáns no centro.
Así pois, o que supostamente ía ser unha medida firme para mellorar as condicións de aprendizaxe e de traballo nos centros públicos queda condicionado a decisións unilaterais da Consellería, sen garantía legal algunha. Unha vez máis, a Xunta resérvase a posibilidade de incumprir o pactado cando lle conveña, demostrando que aquel acordo non tiña máis forza ca a súa vontade momentánea.
Non se pode dicir que isto sorprenda a todo o mundo, como xa analizabamos hai unhas semanas neste artigo. Xa en outubro de 2023, a CIG-Ensino advertía que, sen un compromiso legal claro, as ratios pactadas serían papel mollado. Non foron poucas as voces que criticaron a falta de ambición e de seguridade xurídica do acordo. Porén, CCOO, ANPE e UGT decidiron seguir adiante, facendo caso omiso das advertencias da maioría sindical do ensino público galego.
Agora, cando a propia administración regula por escrito o incumprimento das medidas pactadas, cómpre preguntarse que sentido ten manter a sinatura nese texto. Se o acordo xa non serve para garantir nada e a Consellería actúa como lle peta, os sindicatos asinantes deben asumir a súa responsabilidade. O mínimo que se lles pode exixir é que retiren de inmediato a súa sinatura dun documento que a propia Xunta está a incumprir sen rubor.
0 comentarios