Parabéns por superar as oposicións! Este logro é froito do teu esforzo e dedicación, e agora comeza unha nova etapa na túa carreira profesional. É importante estar ao tanto dos seguintes pasos e prazos para asegurar a túa incorporación exitosa. Este artigo proporciona unha guía detallada sobre o proceso, dende a solicitude de destinos provisionais ata o nomeamento final como funcionariado de carreira. Aquí atoparás información esencial sobre os trámites e as etapas que seguirás nos próximos meses.
1. Solicitude de destinos provisionais (CADP)
O prazo para a solicitude de destinos provisionais é de 2 días hábiles dende a publicación das persoas aprobadas. Debes cubrir a solicitude na aplicación CADP da Consellaría e presentala na sede electrónica da Xunta. Se non tes un correo na plataforma da Xunta, créao en Conta de Usuario. Para problemas, chama ao 881 997 701.
2. Documentación: declaración responsable, informe médico e certificado de carecer de antecedentes por delitos sexuais
O prazo para entregar a documentación é de 20 días hábiles despois da publicación no DOG das listas de persoas aprobadas, que habitualmente se realiza a mediados de agosto. Necesitarás un certificado médico que indique que non padeces ningunha enfermidade nin estás afectado ou afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co exercicio da docencia e que debes solicitarlle ao teu doutor (non é necesario o certificado médico oficial), a declaración responsable que podes descargar aquí e o certificado de carecer de antecedentes por delitos sexuais, este último só se non autorizaches a súa consulta na solicitude de participación. Non sabes como consultar se autorizaches ou non a consulta? É sinxelo: entra na Sede electrónica da Xunta, identifícate e busca nos últimos expedientes e presentacións o procedemento co código ED001A deste ano. Accede a el e aí poderás descargar a túa solicitude de participación nas oposicións e comprobar se autorizaches ou non a consulta.
3. Toma de posesión
A toma de posesión do destino asignado no CADP será o 1 de setembro e realizarase no centro onde obtiveses destino. Todos os anos se publican unhas instrucións coa documentación que deberás de levar o 1 de setembro ao centro adxudicado, aquí podes consultar as do ano pasado. A parte do anterior, non precisas levar nada máis que ganas de comezar e uns cantos euros para convidar ao café. Porque, si, pagar o primeiro café do curso é unha tradición tan antiga como queixarse do tempo.
4. Muface
Deberás darte de alta en Muface a través da súa web. Poderás escoller entre atención sanitaria pública ou privada. Non teñas medo de que se che olvide este paso, xa que recibirás un correo de Muface con instrucións.
5. Fase de prácticas
A fase de prácticas ten unha duración de 4 meses, durante os cales se nomeará un titor/a que te asesorará e avaliará. Ao finalizar esta fase deberás entregar unha memoria sobre a que recibirás instrucións nun correo electrónico que debe reenviarche o teu centro, aproximadamente no mes de outubro. Acabas de superar unha oposición e non te vai asustar ter que facer unha memoria da fase de prácticas, mais se desexas coñecer máis detalles sobre como realizala, no seguinte punto atoparás unha ligazón a un curso no que vas aprender moito.
6. Cursos de formación
- Cursos da CIG-Ensino: gratuítos, abertos a todo o mundo e organizados en setembro/outubro. Están deseñados para orientar na realización da memoria da fase de prácticas e tamén ofrecen información sobre permisos, licenzas, Concurso Xeral de Traslados, comisións de servizo etc. Publicarei nos vindeiros días un artigo con información detallada sobre estes cursos, nos que colaboro como ponente en Lugo e Pontevedra, pero xa podes matricularte neles aquí. E lembra, afiliarte a un sindicato fortalecerá e asegurará o teu camiño como docente.
- Cursos obrigatorios: Inclúen un de galego, un de igualdade, e outro da Consellaría. Non te agobies cando, chegado o momento, comprobes que uns compañeiros/as xa os están realizando e ti non, xa que se fan por quendas durante todo o primeiro trimestre. De novo será por correo electrónico como vos convocarán para comezar estas formacións.
7. Concurso Xeral de Traslados (CXT)
O Concurso Xeral de Traslados estará en prazo en outubro ou novembro. Ofrezo información detallada sobre o baremo e a participación a través de directos en Twitch e vídeos en YouTube como o que podes ver a continuación da recente modificación do baremo do CXT. Sígueeme nas anteriores redes sociais para manterte informado/a sobre todas as novidades.
8. Nomeamento como funcionariado de carreira
Unha vez rematado o curso vindeiro, serás nomeado/a funcionariado de carreira no Boletín Oficial do Estado. Ao cabo duns meses recibirás o teu título de funcionariado de carreira que, sinceramente, non servirá para moito, pero quedará perfecto colgado no salón.
Parabéns a todos os novos funcionarios/as en prácticas! Esta é unha etapa emocionante e chea de novas oportunidades. Douvos a benvida e deséxovos moito éxito na vosa carreira. Aproveitade ao máximo esta experiencia e non dubidedes en buscar axuda e consello cando o necesitedes. Estou seguro de que esta nova andaina estará chea de aprendizaxe e satisfacción profesional. Benvidos ao equipo e moita sorte!
0 comentarios