Hai quen nas redes enche a boca con “folga indefinida xa” coma se fose tan doado como premer un interruptor. Mais a realidade, compañeiras e compañeiros, é teimuda: un paro total sen músculo organizado convértese nunha derrota anunciada.
En Galicia temos 33.000 docentes e un Goberno do PP con maioría absoluta. Para que escoiten, hai que parar os centros enteiros, non só facer ruído nas redes sociais. Quen pida folga indefinida debe contar: cantos días aguanta sen cobrar? Cantos están dispostos a perder máis de 1.000 € de salario? Unha folga é unha guerra longa, non é un post viral.

A Concentración diante da Consellaría (Compostela) o día 25 de xuño ás 12:00 horas, non é un fin, é o comezo. Servirá para medir forzas reais, vernos as caras, poñerlle rostro á indignación. Se a mobilización medra e se mantén no tempo, estou convencido de que o meu sindicato, a CIG-Ensino, non terá dúbidas en activar o paro que moitos reclaman. Mais sen base mobilizada, que ninguén veña exixir absolutamente nada, porque un sindicato é unha ferramenta, mais precisa mans que a empreguen.
Fala no teu claustro: explica que o 25 é o primeiro paso, non a meta. Suma compañeiros/as: conta cantos estades dispostos a mobilizarvos con feitos, non só con emojis. Difunde con orgullo: comparte cartaces, argumentos e exemplos doutros sectores que gañaron loitas con paros fortes.
Sei que hai fatiga e frustración, pero tamén rabia contida. A pregunta é: canalizámola xuntos ou deixamos que se disipe en queixas illadas? A concentración do 25 de xuño é o termómetro. Se a enches, mandas unha mensaxe clara ao PP: ou se negocia xa unha recuperación real de dereitos ou virá unha folga que pare Galicia enteira. A historia demostra que cada dereito gañado no ensino público naceu da rúa, non dunha cesión gratuíta. Por iso: O 25 de xuño, fai valer a túa voz.
A túa ausencia é o silencio que a Consellaría desexa.
A túa presenza é o primeiro paso para gañar.
Vémonos diante da Consellaría.







0 comentarios