Docentia

Redes sociais ao servizo do profesorado galego

Docentia

domingo, 1 septiembre 2024
ProfesoradoGalicia.com é unha plataforma dedicada ao profesorado galego, que busca ser un punto de encontro para a comunidade educativa en Galicia. Ofrece diversas redes sociais para manter á comunidade conectada e informada. Estas redes sociais inclúen Telegram, Facebook, Youtube, Discord, Twitch, Instagram e Whatsapp, ofrecendo así múltiples canles de comunicación que permiten ao profesorado estar ao día coas novidades, compartir experiencias, e acceder a recursos educativos de maneira dinámica e interactiva. Neste artigo, exploraremos cada unha destas redes sociais, destacando as súas características e como poden ser utilizadas polo profesorado.

Telegram: facilitando a comunicación educativa

Unha comunicación clara e eficaz entre o profesorado e as autoridades educativas é crucial. Para facilitar este proceso esencial, existe un recurso de gran valor para todos os docentes galegos: a canle de Telegram Profesorado de Galicia.

Esta canle, que reúne a máis de 7000 docentes, desempeña un papel vital como plataforma centralizada para a difusión de información proveniente da Consellaría de Educación. Cada anuncio oficial é republicado de forma clara e comprensible, ofrecendo detalles precisos sobre prazos e instrucións específicas. Esta práctica non só simplifica o acceso á información administrativa, senón que tamén minimiza a confusión que pode xerarse arredor dos procedementos burocráticos.

Un dos aspectos máis destacados da canle é a súa función de recordatorio semanal de eventos de interese. Cada venres, os membros reciben unha notificación que detalla os eventos próximos que poden afectar ao seu traballo ou á súa formación profesional.

Desde a súa creación en 2018, a canle establece unha conexión directa e instantánea entre a Consellaría de Educación e os profesionais da educación galega. É a segunda rede social que se creou en Profesoradogalicia.com, seguindo ao grupo de Facebook, e demostrou ser un recurso indispensable para docentes de todos os corpos e niveis educativos. O mellor de todo, é que a participación é completamente gratuíta e aberta a todos os interesados, ao igual que calquera das outras redes sociais que atoparás neste artigo.

Unirse á canle de Telegram Profesorado de Galicia é unha oportunidade para estar ben informados e preparados en todo momento.

Facebook: un espazo para a comunidade docente

O grupo de Facebook Profesorado de Galicia é unha plataforma informativa fundamental para os docentes de Galicia. Creado no verán do 2013, foi a primeira rede social creada para este propósito específico. A día de hoxe, é o grupo de Facebook de docentes máis numeroso de Galicia, con máis de 21.000 membros. Tamén é a rede social máis numerosa de ProfesoradoGalicia.com, superando calquera outra en número de membros. Durante máis de 10 anos mantivo a súa nomenclatura orixinal, que facía referencia ao profesorado de secundaria de Galicia, mais, a partir do 16 de agosto de 2024, o grupo pasou a estar destinado a todos os corpos docentes. En consecuencia, o grupo pasou a ter unha denomicación máis xeral: Profesorado de Galicia.

Este grupo foi pioneiro en adaptar a estrutura de Facebook para ofrecer información organizada de interese para o profesorado galego. Inventouse o concepto de “fíos únicos“, que son fíos temáticos onde se centralizan todas as dúbidas e informacións sobre o mesmo procedemento ou trámite. Este sistema permitiu ofrecer de xeito organizado e eficiente respostas e recursos aos membros do grupo e ademais foi copiado por outros grupos de docentes existentes en Facebook.

A día de hoxe este grupo segue facilitando a comunicación e o intercambio de información relevante, incluíndo novidades sobre o sistema educativo, convocatorias, listaxes de interinidades, eventos, formación etc. Se es docente en Galicia, unirte a este grupo de Facebook pode ser unha das mellores decisións para estar informado e conectado coa comunidade educativa.

YouTube: un recurso valioso para as docentes

A canle foi creada a finais de 2011. Non obstante, non sería ata o 21 de xullo de 2018 cando se publicaría o primeiro vídeo. Nos días seguintes publicáronse un par de vídeos adicionais, pero a actividade regular non comezaría ata marzo de 2019, coa publicación do primeiro titorial sobre como inscribirse nas oposicións. Este vídeo marcou o inicio dunha programación máis constante, con publicacións semanais.

Os vídeos máis populares da canle son aqueles relacionados coas oposicións e as substitucións. Aínda que a canle publica diversos titoriais sobre procedementos administrativos nos que debe participar o profesorado, tamén inclúe vídeos curtos con pílulas informativas que abordan diferentes aspectos do labor docente.

A canle converteuse nun recurso esencial para o profesorado galego, ofrecendo orientación e apoio práctico a través dos seus vídeos. Detrás dela hai un esforzo por proporcionar información clara e accesible sobre procesos complexos, algo clave para o crecemento da canle e a fidelidade dos seus seguidores.

Discord: a ferramenta esencial do ensino

Sen dúbida, a REDE en maiúsculas de Profesoradogalicia.com. Máis de 17.000 usuarios en 3 anos, ningunha das outras redes sociais de ProfesoradoGalicia.com tivo un crecemento tan rápido. Podemos dicir que Discord é a rede social todo en un, ao poder atopar:

  • Información sobre prazos e procedementos abertos, tanto para docentes como para centros de ensino.
  • Foros específicos de resolución de dúbidas.
  • Foro organizado por corpos e especialidades docentes.
  • As novas e anuncios oficiais da Consellaría de Educación.
  • As publicacións da Consellaría de Educación no DOG e do Ministerio de Educación no BOE.
  • Información sindical.
  • Recomendacións de preparadores e academias para oposicións, datos sobre centros de ensino, alugueiros para docentes, cursos de formación, busca de compañeir@s de viaxe aos centros, ofertas de traballo, titoriais, Bolsa de permutas, artigos de Docentia, IA aplicada ao ensino, lexislación, acceso anticipado á adxudicación do CXT, entre moitas outras cousas.

Un dos puntos fortes de Discord é a súa capacidade para recibir e personalizar notificacións. Isto permite que os usuarios poidan estar sempre informados sobre os anuncios oficiais e noticias publicadas pola Consellería, así como sobre os directos e vídeos educativos de Pablo Rodríguez Vila en Twitch e YouTube, artigos de Docentia, e publicacións no DOG e no BOE. Ademais das anteriores notificacións, a plataforma tamén permite activar outras sobre bolsas docentes e novidades relacionadas coa nosa lingua, como convocatorias CELGA ou certames literarios.

Toda a información en Discord está meticulosamente organizada en canles temáticas, o que fai que o acceso a calquera recurso sexa sinxelo e intuitivo, permitindo atopar o que necesitas cun só clic.

Discord non só destaca polo seu gran número de usuarios e funcionalidades, senón tamén polo enorme esforzo persoal e económico que se inviste no seu mantemento. É a rede social que conta co maior número de persoas moderadoras, e algunhas das súas canles, especialmente aquelas dedicadas a prazos e procedementos abertos, requiren actualizacións constantes, case a diario. Certo é que moitas outras canles funcionan de maneira automatizada, como as que permiten activar notificacións, pero estas automatizacións teñen un custo económico significativo, arredor de 500€ anuais, que son sufragados mediante colaboracións voluntarias polos propios usuarios da plataforma.

En definitiva, se aínda non estás en Discord, estás perdendo a oportunidade de formar parte da que é, sen dúbida, a mellor aplicación sobre ensino galego dispoñible na actualidade. Únete e aproveita todo o que esta potente ferramenta pode ofrecerche para estar sempre ao día e conectado coa comunidade educativa galega.

Twitch: unha canle imprescindible para o profesorado

Hoxe en día, Twitch converteuse na plataforma ideal para a emisión de titoriais en directo dirixidos ao profesorado galego. A través desta canle, ofrécense sesións sobre procedementos fundamentais como o Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP), o Concurso de Traslados (CXT) ou as oposicións. Estes directos non só proporcionan unha explicación detallada dos distintos procesos, senón que tamén permiten ao profesorado participar activamente, interactuando e resolvendo dúbidas en tempo real. Ademais, a canle destaca por ofrecer entrevistas a persoas relevantes no ámbito educativo. Tamén se realizan emisións en directo dedicadas exclusivamente a responder preguntas xerais, o que fai desta canle un recurso valioso para calquera docente que precise orientación ou aclaracións sobre temas educativos.

Historicamente, este tipo de contido en directo ofrecíase a través de YouTube, pero Twitch ten demostrado ser unha plataforma superior en canto á inmediatez e a interacción en tempo real. A posibilidade de que o profesorado poida formular preguntas e recibir respostas instantáneas en directo fai que a experiencia sexa moito máis dinámica e enriquecedora. Esta proximidade coa audiencia é un dos maiores puntos fortes de Twitch en comparación con outras plataformas.

É importante ter en conta que as emisións nesta canle non seguen un calendario fixo. As datas e horas dependen dos prazos dos diferentes procedementos, o que fai aínda máis esencial seguir a canle para recibir notificacións cada vez que se inicie un directo. Para unirse á comunidade, o proceso é sinxelo: descarga a aplicación de Twitch no teu móbil, rexístrate e pulsa en “seguir”. Este paso non só che permitirá estar ao tanto das emisións, senón que tamén é necesario para poder formular dúbidas no chat en directo.

Non é só unha cuestión de utilidade; esta canle de Twitch é a que conta co maior número de seguidores en lingua galega, un feito que reflicte a súa relevancia e impacto na comunidade educativa, así que se queres formar parte dela, non dubides en unirte a esta comunidade en crecemento.

Instagram: a nova dimensión educativa

É moi probable que mentres esteas lendo estas liñas, tamén esteas descubrindo que ProfesoradoGalicia.com ten unha presenza activa en Instagram. Esta conta, administrada persoalmente por Pablo Rodríguez Vila, é moito máis que un simple perfil social; é unha ferramenta dinámica e valiosa para a comunidade educativa en Galicia.

A través desta plataforma, cada domingo publícase un recordatorio dos prazos abertos máis relevantes. Ademais, esta conta é un punto de encontro para resolver dúbidas, xa que podes enviar mensaxes privadas para recibir orientación e apoio directo.

Pero a conta de Instagram non só se limita á información e ao apoio. Tamén é un espazo para a comunidade, onde se comparten anuncios de próximos eventos en Twitch, artigos de Docentia, vídeos de YouTube, e mesmo pequenos vídeos de manifestacións e concentracións que afectan ao ensino. Estes contidos ofrecen unha visión máis ampla da realidade educativa, conectando aos profesionais con temas de actualidade que impactan na súa profesión.

Unha característica exclusiva desta rede social é o humor. A través de vídeos cómicos e contido lixeiro relacionado co mundo da educación, esta conta ofrece un espazo de desconexión e risas nun entorno que moitas veces pode ser tenso e esixente. Como anécdota destacable, o vídeo máis visto de todas as redes sociais de ProfesoradoGalicia.com foi publicado precisamente en Instagram, alcanzando actualmente máis de millón e medio de reproducións.

Por todo isto, se aínda non formas parte desta crecente comunidade, animámoste a unirte. Instagram non é só unha rede social; é unha oportunidade para conectar con outros profesionais, estar ao día das últimas novidades educativas e, por que non, botar un sorriso.

Whatsapp: atención personalizada e eficiente

Un dos servizos máis valorados de ProfesoradoGalicia.com é a súa liña de WhatsApp, a través da cal Pablo Rodríguez Vila atende e resolve as dúbidas do profesorado galego. Creada no ano 2021, esta liña converteuse nunha ferramenta fundamental para o colectivo docente, superando xa as 43.000 mensaxes recibidas. Co aumento significativo do volume de consultas, e para garantir unha atención adecuada, desde o curso pasado establecéronse uns horarios de atención: de luns a venres, de 10:00 a 19:00 horas, exceptuando os períodos non lectivos.

A liña de Whatsapp dá a posibilidade de enviar consultas desde calquera lugar e en calquera momento dentro do horario establecido, facendo que este servizo sexa moi accesible e cómodo ao profesorado, que recibe respostas rápidas e específicas ás súas preguntas. Ademais, a familiaridade coa aplicación WhatsApp facilita a comunicación, eliminando así barreiras tecnolóxicas que outras plataformas poderían presentar.

En definitiva, a liña de WhatsApp é un recurso máis ao dispor do profesorado galego, pensado para facer a vida profesional un pouco máis sinxela, sen ser invasivo ou excesivamente presente. Está aí cando o necesites.

Quen está detrás de cada rede social?

Algúns imaxinan que detrás de ProfesoradoGalicia.com hai un exército de persoas traballando arreo, pero a verdade é que iso non podería estar máis lonxe da realidade. En realidade, somos só un grupo reducido, pero iso si, moi eficiente! E falando de eficiencia, en redes sociais como Facebook e Discord, contamos con moitos outros usuarios que colaboran respondendo dúbidas, pero nomealos a todos sería como intentar contar as estrelas no ceo… Vai desde aquí o meu agradecemento para todos eles.

Unirse ás redes sociais de ProfesoradoGalicia.com é máis que unha simple conexión, é formar parte dunha comunidade activa e comprometida coa educación en Galicia. Cada docente que se suma non só amplía o alcance desta plataforma, senón que tamén contribúe a crear un espazo de intercambio de ideas e experiencias que enriquece a todos e permítenos continuar evolucionando e afrontando novos retos.

Por último, propoñémosvos un xogo: adiviñades en que outra rede social, ademais das mencionadas, estamos xa presentes? Deixade a vosa resposta nos comentarios, xunto coas vosas suxestións sobre en que outras redes sociais vos gustaría vernos tamén. A vosa opinión é esencial para seguir medrando!

Share Buttons
Categorías: Ensino

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *