Con esta carta, quero facervos unha pequena homenaxe e pedirvos desculpas, se nalgunha ocasión sentistes que non vos atendemos como mereciades. O profesorado de Secundaria apenas recibimos formación no mestrado en relación ás necesidades educativas especiais, e aínda menos con respecto as altas capacidades. Persoalmente, o que sei sobre neurodiverxencias funo aprendendo das compañeiras de Primaria e Orientación, dos cursos da Consellería e doutros aos que me apuntei a título privado; mais sobre todo, da experiencia con vós ao longo destes anos. Se cadra estades dacordo comigo en que mentres que a atención ao TDAH é algo habitual nos centros educativos, a atención as altas capacidades segue a ser a nosa materia pendente. A baixada de notas ou as condutas disruptivas que poden manifestar os compañeiros e compañeiras con outras neurodiverxencias fan que poñamos o foco neles, esquecéndonos moitas veces das persoas que tedes un bo rendemento, mantedes un perfil baixo e enmascarades o voso talento. A principal eiva para nós é identificarvos, xa que especialmente as rapazas, sodes mestras da camuflaxe. Sempre estaredes na miña memoria.
Eras unha alumna de 3º ESO, que sacaba deces en todo. Adoitabas sentar na parte de atrás da aula e apenas participabas. Pertencías a outra etnia e procurabas pasar desapercibida; supoño que para evitar o acoso por partida dobre. Nun exame, escribiches a táboa periódica ao completo sen que eu cho pedira, os cento dezaoito elementos. Agora que o vexo en retrospectiva, creo que foi a túa forma de enviarme unha mensaxe. Mensaxe a que durante o meu primeiro ano coma docente non souben atender, preocupada como estaba en manter orde na aula. Un bo día, animácheste a levantar a man e formulaches unha pregunta, que a duras penas souben contestar e desafortunadamente, non volviches facelo. Tiña que terte animado a investigar a cuestión e presentala na clase, mais daquela non che dei a oportunidade.
Eras unha alumna de 3º ESO, cun perfil brillante. Tiñas sobresaliente en todas as materias e saias da aula un par de veces por semana para asistir ao grupo de enriquecemento, no que faciades distintos proxectos. Nas clases non falabas, ata que un bo día, plantexei a posibilidade de fabricar unha maqueta da circulación sanguínea. A túa cara iluminouse e pedíchesme que che enviara as instrucións para facela na casa. Imaxino canto desfrutaches o proceso e o ben que o explicarías se eu non fora con présa por rematar a programación e che dera un espazo na clase.
Eras unha alumna de 4º ESO, que pasabas as clases debuxando. Tiñas un talento excepcional para a pintura e segundo me contaron, destacabas no grupo de enriquecemento. O que escoitabas da explicación na clase, chegábache para acadar bos resultados, xa que polo que souben, apenas lle dedicabas tempo na casa. Supoño que estarías entretida afondando nos teus propios intereses. Teriame gustado coñecelos pero como profesora sustituta duns poucos meses, non me deu tempo.
Eras un alumno de 4º ESO, adiantárante un curso por mor das túas altas capacidades. Eras pequeniño comparado cos teus compañeiros. Tiñas un carácter curioso e formulabas preguntas interesantes. Había días, sen embargo, nos que te anoxabas sen razón aparente e te amosabas indignado e contestatario. Polas conversas que tiñamos ao tocar ao timbre, souben que te sentías distinto do resto da clase. Academicamente, non tiñas dificultades, mais a nivel emocional, tratabas de atopar o teu lugar no mundo. Cando propuxen un proxecto sobre os ecosistemas da cidade, fuches dos más implicados. A día de hoxe, éncheme de ledicia ver que segues por redes o meu traballo.
Eras un alumno de 4º ESO, que aprobabas xustiño. Non entregabas as tarefas, a pesares de ter peso na avaliación. Nas clases, aburriaste moito e entretiaste xogando o xadrez na tablet. Aínda lembro aquela vez que levaches un taboleiro físico e xogaches cun compañeiro mentres eu explicaba. Un bo día, falando das transformacións da enerxía, comentaches que o que estaba a dicir podía explicarse dun xeito mais sinxelo. Convideite a facelo e toda a clase acabou dándoche os parabéns por entendelo. Aquel día, a túa actitude mudou e decidiches falarme do teu proxecto de formigueiro doméstico e do teu podcast. Alegroume moito verte anos despois e saber que estudarías psicoloxía, se cadra co obxectivo de axudar a outras persoas coma ti.
Para rematar, quero darvos as grazas e lembrar as compañeiras a nosa responsabilidade. Non debemos esquecer que o recoñecemento do profesorado é o factor mais importante no desenvolvemento das altas capacidades e que unha de cada dez persoas as posúen, o que correspondería a dous ou tres alumnas ou alumnos por aula. Grazas rapaces por abrirvos e compartir as vosas inquedanzas. Grazas por descubrirnos a disincronía emocional na que vos movedes e a excelencia que podedes alcanzar nos vosos centros de interese. Grazas rapazas por facernos ver que convosco temos que estar mais atentas. É unha mágoa que moitas pasedes pola escola, sen que reparemos no voso talento. Soño co día no que a igualdade sexa real, non teñades medo a destacar e ser discriminadas por serdes mulleres intelixentes. Oxalá algún día o profesorado teñamos a formación e os recursos necesarios para atendervos como deus manda. Ese día, estaremos atendendo a diversidade no sentido mais amplo da palabra.
Asinado:
Unha docente buscadora de unicornios que viven sendo cebras
NOTA. As medidas de atención ás altas capacidades comentadas corresponden a miña experiencia na escola concertada. Se coñeces algún programa de enriquecemento curricular específico na escola pública, ou estás interesado/a en levar a cabo un proxecto sobre divulgación científica con alumnado de altas capacidades, non dubides en enviar un email a ecabanelas@edu.xunta.gal












Unha reflexión excelente, graciñas!