Docentia

Profesorado de Servizos: dando servizo ao alumnado

Eva Cabanelas Dopazo

lunes, 24 noviembre 2025
Como docente de Procedementos sanitarios, imparto aulas en ciclos da familia de Sanidade e Servizos á comunidade. O perfil do alumnado é moi distinto entre ambos. Concretamente, no Ciclo Medio de Atención a persoas en situación de Dependencia os requerimentos do alumnado son moi elevados.

Tal como teño observado en varios centros e comentado coas compañeiras, o ciclo medio de Atención a Persoas en situación de dependencia, congrega a un alumnado moi heterexóneo: desde persoas de idade media con experiencia previa en atención sociosanitaria ata adolescentes completamente alleos ao mundo dos coidados que queren transitar ao ciclo superior de Educación Infantil. A este respecto, unha alumna de dezasete anos, preguntoume recentemente “é certo que hai persoas que pasan semanas encamadas?”. A miña estupefacción ante a pregunta foi a mesma que a da alumna cando respondín “desgrazadamente si, incluso meses e anos”. Esta heteroxeneidade nos grupos pode constituir un problema real no desenvolvemento das aulas ou ser aproveitada a prol de toda a clase mediante o traballo cooperativo. En todo caso, conxugar distintas idades e sobre todo, graos de interese- desde a máxima implicación do alumnado que xa ten persoas dependentes ao cargo ao mais absoluto desinterese de quen escolle o ciclo por conveniencia ou casualidade- constitúe un auténtico reto para o profesorado.

A pesar do abismo existente entre os devanditos perfís, se de algo me decatei nestes anos é de que o alumnado de APSD, posúe unhas características e necesidades particulares. Nese sentido, non é infrecuente que persoas que teñan ou tiveran algún tipo de dificultade na súa vida sintan a inclinación de axudar a outros, escollendo profesións do ámbito social. Este feito leva a que nas aulas nos atopemos cunha casuística moi concreta, que se ben é habitual en calquera aula de Ensino Medio, parece ser aínda mais frecuente neste ciclo. Problemas de saúde mental, relacións afectivo-sexuais insás, enfermidades ou dinámicas familiares complexas son frecuentes neste alumnado. Estes grupos adoitan recurrir ao profesorado na procura do consello e afecto do que se cadra, non dispoñen na súa contorna. Así, é frecuente que os alumnos e alumnas se acheguen aos docentes para falar das súas inquedanzas vitais, mais aló do ámbito académico. Neste contexto, o profesorado de Servizos, especificamente formado na materia está a realizar un labor mais asistencial que académico. No eido da titoría, a demanda piscolóxica é moi elevada, feito que debe ser tido en conta polos equipos directivos.

Se por algo se caracteriza o profesorado do ámbito social é polo seu alto grado de empatía e o dilema constante entre ese dobre rol educativo e asistencial. O conflito agrávase no momento da avaliación, onde hai que decidir obxectivamente se a persoa está capacitada para desenvolver o traballo. A diferenza do que acontece na Secundaria, a FP habilita para a realización dun oficio, co que a responsabilidade do profesorado a hora de promocionar o alumnado é máxima. Neste punto, o debate atópase entre “darlle para adiante” a un/unha alumno/a con dificultades ou reorientalo/a cara outra ocupación. A gran pregunta que nos aborda é “filtramos no centro educativo ou que o fagan na empresa?” Neste ciclo en concreto, no que o traballo implica directamente coidar a persoas, non sería responsable que un equipo docente promocionara a un alumno/a que, pola razón que sexa, non está en condicións de coidar de si mesmo. Aínda que pareza unha obviedade, non podemos poñer ao cargo dunha persoa dependente a outra que o é. Lembro unha frase que me dixo unha vez unha compañeira “o alumnado do ciclo de APSD ten, en moitas ocasións, perfil de usuario”. A nosa obriga como docentes é axudar aos nosos alumnos e alumnas a a atopar o seu camiño, certificando ao mesmo tempo a calidade da formación que impartimos e dando garantías as empresas que reciben o noso alumnado en prácticas. Neste caso, a saúde das persoas está en xogo.

Por todo isto, ser docente na familia de Servizos implica o afrontamento de numerosos retos, traballo burocrático en forma de protocolos e moita xestión emocional. Coma docente satélite desta familia, penso que é preciso subliñar o incrible traballo que as compañeiras están a desenvolver con este perfil de alumnado. A pesares de ser agotador en moitas ocasións, paga a pena se conseguimos axudar a algún alumno/a a medrar persoal e profesionalmente. O agarimo que coma docentes lles damos en forma de atención e escoita activa recibímolo multiplicado por mil cando nos din que nos lembrarán por sempre. Na miña experiencia, estes grupos que a priori semellan mais desafiantes, son os que co tempo e a nosa confianza, acaban producindo os resultados mais espectaculares. É cuestión de paciencia e presenza, sen esquecernos nunca do noso propio autocoidado. A profesión docente ten esa vantaxe, que nos permite acompañar as persoas na procura da súa autorrealización. Eu, síntome privilexiada de poder botar unha man nesta marabillosa familia.

Share Buttons

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *