Docentia

Portugués para todo o alumnado de Secundaria

Marcos Vence Ruibal

jueves, 13 junio 2024
Á procura de profes cómplices!

Os/as estudantes de bacharelato deben saber que teñen dereito recoñecido a estudar Portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira. Iso pode ser interesante para moita xente por varios motivos, por exemplo:

  • Se teñen Inglés “atravesado”.
  • Se queren subir a nota do expediente.
  • Se queren examinarse de Portugués na ABAU e conseguir unha media máis alta.

Sen dúbidas, o ideal é que os IESs oferten esa materia pero non sempre é posible (número mínimo de estudantes, dispoñibilidade de profesorado, falta de espazo, etc).

A alternativa é cursala a distancia no IES San Clemente. Só teñen que solicitalo na Dirección do seu IES e esta pedirá autorización á Inspección. O seguimento das explicacións faise a través dunha aula virtual e os exames trimestrais poden facerse en calquera das grandes cidades galegas.

Neste ano fixeron así varias alumnas de 1Bach do IES Castro Alobre de Vilagarcía con grande éxito:

O papel do profesorado “cómplice” como Marisinha é fundamental, en primeiro lugar para informar as familias, para que saiban que teñen garantido estudar esta materia e tamén para facer un seguimento do alumnado, comprobar que acceden aos recursos da aula virtual, que fan os exercicios, etc.

Ademais, esta posibilidade de cursar unha única materia a distancia, sendo estudante presencial doutro centro, é unha ferramenta moi útil para medir o interese que suscite esa materia e poder implantala en presencial a curto ou medio prazo. En ningún caso se trata dunha solución permanente para os centros onde haxa un número importante de estudantes que a demanden.

En canto a ESO, o camiño para conseguilo é diferente e depende dos propios IES. Aínda que é unha lingua interesante para todo o alumnado, é de especial relevancia para estudantes de ESO que teñan intención de cursar FP no futuro, porque:

  • Van aprender e certificar unha nova lingua estranxeira o que, a nivel profesional, vai ser unha plusvalía no CV.

  • Os novos módulos de Inglés Profesional da FP básica e ciclos medios teñen un nivel inicial baixo e o obxectivo é finalizar, despois de dous anos de clase, cun nivel B1. Por iso non deberían ter problema para cursalos aínda que non escollan Inglés como 1LE en ESO.

  • O Portugués ten todas as papeletas para consolidarse como segunda lingua estranxeira na FP grazas á implantación de Ciclos Plurilingües nos cales está garantida a aprendizaxe das dúas linguas (Inglés e Portugués) durante os dous anos de duración de cada ciclo. Por iso é importante que os estudantes en ESO aprendan e exploren o Portugués como nova materia.

Ilustración tirada do Website da DPG. Adaptada.
Share Buttons
Categorías: Lingua

Contido relacionado

2 comentarios
L

2 Comentarios

  1. Montse Glez.

    Un artigo moi interesante. Gustaríame saber como sería o procedemento na E.S.O. para poder solicitar esa opción para o meu fillo. Grazas.

    Responder

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *