Sexan benvidas e benvidos, hoxe imos contar unha historia fantástica, non hai fadas nin trasgos, pero de seguro non a van crer.
Cando os nenos e nenas de Educación Primaria ou Secundaria, por exemplo, fan un exame, teñen dereito a ver ese mesmo exame corrixido para saber como o fixeron e coñecer os seus erros. Cando a que fai o exame é unha persoa que quere chegar a ser docente, nin por arte de maxia poderá ver ese exame corrixido. Non vai poder saber nin que criterios se empregaron para a corrección ou se foi corrixido se cadra…
Na Consellería din que a única maneira é contactar co Tribunal, pero o Tribunal non permite ningún tipo de contacto cos opositores, e no hipotético caso de conseguir contactar con eles e poder facer entrega da reclamación por escrito, teñen a potestade de decidir se recoller ou non esa reclamación, e non fai falta ser un xenio para saber o que acontece na gran maioría das ocasións…
A única vía oficial será realizar o coñecido como “Recurso de alzada” cando o proceso se dea por rematado, pero se se dese o caso de que, de novo por arte de maxia, o recurso chegara a bo porto, non valería de nada por non ter pasado á segunda parte do proceso, entregar a Programación Didáctica e defendela.
En definitiva, os opositores e opositoras de educación estamos moi desprotexidos e négasenos un dereito que é profundamente respectado en todas as etapas educativas, o que resulta profundamente irónico. Xa dixen ó comezo que esta era unha historia fantástica difícil de crer.
Despois de tanto tempo e esforzo e sabendo que o fixeches ben, non podes descubrir por que cinco persoas consideran que iso non foi suficiente. A opacidade que rodea ó proceso selectivo nas oposicións permite facer e desfacer aos Tribunais ao seu antollo sen ter que dar explicacións. A miña intención non é criticar os Tribunais, formados por docentes que xa pasaron por este mesmo proceso, pero si criticar o proceso en si e as trabas que existen para, simplemente, poder comprobar que a valoración que se fixo dos teus exames é a axeitada e que non houbo erros, o que sería normal tendo en conta que cada Tribunal corrixe centos de exames nuns poucos días. Todo isto fai que moitos e moitas desconfíen profundamente do proceso e acaba por xerar un ambiente de crispación e unha sensación de inxustiza.
É verdade o que din de Galicia, é unha terra de meigas e feitizos onde acontecen historias fantásticas.
Jaime G. A.
Agradecemos a este opositor que compartise a súa experiencia e animamos a todos os membros da comunidade educativa a facer o mesmo cos asuntos que lle preocupen. Docentia está comprometida en proporcionar un espazo seguro e inclusivo para todas as voces. Se desexas compartir a túa historia, anonimamente ou co teu nome, non dubides en enviar o teu artigo a docentia@profesoradogalicia.com.
0 comentarios