A nova lei de FP incorpora novos módulos nos currículos, entre eles Inglés Profesional. Porén, a resolución que acaba de publicar a Consellaría mantén a posibilidade de continuar coa oferta de ciclos plurilingües en portugués onde se imparten módulos técnicos en lingua estranxeira, por exemplo, Fundamentos de Hardware en portugués.
Este modelo de ensino CLIL permite ao alumnado aprender o portugués como lingua estranxeira dunha maneira relaxada, certificalo oficialmente, prepararse para realizar a FCT en Portugal, ampliar as súas posibilidades de inserción laboral e marcar a diferenza no CV.
Destacamos nesta convocatoria a posibilidade de:
- Impartir módulos técnicos en portugués aínda que todo o alumnado curse o novo módulo de Inglés Profesional.
- Impartir os novos módulos de Sustentabilidade (1º) e Dixitalización (2º) en portugués, cunha carga horaria relativamente pequena en comparación con outros. Teñen a vantaxe de que poden ser impartidos por profesorado de calquera especialidade, sempre que teñan o B2 certificado.
- Impartir Portugués Profesional como módulo optativo de 2º. (* ver comentario)
É importante que o profesorado saiba que, ademais da satisfacción de proporcionar unha formación extra ao alumnado, a Consellaría de Educación certifica a participación con horas de innovación.
Casos de éxito en centros galegos:
A asociación DPGaliza (fp@dpgaliza.org) ofrece a súa axuda na solicitude e desenvolvemento dos ciclos PluriFP, comparte os materiais creados ou adaptados ao ensino en portugués e orienta o profesorado que precise certificar o nivel B2.
Ilustración tirada do Website da DPG. Adaptada.
(*) Segundo nos informou Montse Pernas, a intención do Ministerio era que cada centro escollese libremente que impartir nese módulo. Porén, a Consellaría quere tomar esa decisión unilateralmente para impartir o mesmo módulo obrigatoriamente en todos os ciclos de cada familia profesional.
https://youtu.be/n0jJ9xtoGDY