Docentia

Explora as novas ferramentas innovadoras de ProfesoradoGalicia.com

Docentia

lunes, 6 enero 2025
ProfesoradoGalicia.com, unha plataforma de referencia para o profesorado en Galicia, continúa innovando con seccións novas que melloran a experiencia do usuario e ofrecen solucións prácticas ao colectivo docente. Coas últimas incorporacións, esta web consolídase como unha ferramenta imprescindible para o día a día do profesorado.

A web ProfesoradoGalicia.com estrea novas ferramentas que prometen facilitar o día a día do profesorado: unha calculadora de salario docente, o primeiro catálogo de centros educativos interactivo, unha sección sobre permisos docentes, un buscador de centros educativos máis sinxelo e práctico do que ofrece a propia Consellaría de Educación e un novo sistema de consulta e notificación de vacantes de substitución.

Catálogo de unidades e postos de traballo docentes

ProfesoradoGalicia.com amplía as súas funcionalidades coa incorporación dun catálogo de unidades e postos de traballo docentes nos centros públicos de Galicia. Esta nova ferramenta ofrece información detallada sobre a distribución de unidades e persoal nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial, facilitando o acceso a datos clave para profesorado e equipos directivos. A interface do catálogo permite buscar centros por provincias, concellos e localidades.

Calculadora de salario docente

ProfesoradoGalicia.com incorpora unha nova calculadora de salario que facilita o cálculo da túa nómina de forma detallada ao desglosar os conceptos retributivos e os descontos. A ferramenta permite introducir datos como trienios, sexenios, cargos directivos ou cargos, ofrecendo unha estimación precisa e adaptada ás condicións retributivas galegas.

Permisos, licenzas, reducións de xornada e excedencias

Esta nova sección dedicada aos permisos, licenzas, reducións de xornada e excedencias está deseñada para ofrecer unha visión clara e accesible sobre os dereitos do profesorado en Galicia. Este espazo facilita a consulta e a tramitación de cada tipo de permiso, reunindo toda a información relevante nun formato práctico. Ademais do resumo da información, a sección incorpora funcionalidades prácticas:

Ligazóns á normativa oficial: a sección redirixe directamente ás disposicións legais completas para quen necesite máis detalles.

Buscador de permisos por palabra clave: facilita atopar información específica en poucos segundos.

Modelos de solicitudes: inclúe as ligazóns ou os documentos necesarios para solicitar cada permiso, licenza, redución de xornada ou excedencia.

Buscador de datos de centros educativos galegos

Coñecer os detalles de cada centro educativo en Galicia nunca foi tan sinxelo. Esta nova sección ofrece un buscador que permite filtrar por provincia e concello e ofrece información organizada sobre os centros educativos galegos, incluíndo datos de localización e contacto, equipo directivo, oferta educativa, adscrición, inspección, etc., todo ao teu alcance nun par de clics.

Novo sistema interactivo de consulta de vacantes de substitución

O seguimento de vacantes ten como obxectivo facilitar a vida dos docentes substitutos que buscan acceder a información actualizada sobre as prazas dispoñibles no sistema educativo galego. O sistema ofrece unha visualización dinámica e intuitiva das vacantes, integrando funcionalidades avanzadas como filtros por especialidade ou ordenación de datos, ademais dunha busca optimizada que permite atopar rapidamente as prazas. Todo isto, presentado nun deseño moderno e adaptado aos estándares visuais da web, fai que a consulta sexa sinxela e áxil.

Unha das características máis destacadas é a súa integración con Telegram, que permite notificar aos usuarios as novas vacantes publicadas en tempo real. Deste xeito, o profesorado substituto pode estar sempre ao tanto das últimas oportunidades sen ter que consultar constantemente a web.

Outras novidades

Rexistro exclusivo na web

ProfesoradoGalicia.com implementa un sistema de rexistro exclusivo que mellora a experiencia de usuario. A partir de agora, será necesario estar rexistrado para acceder aos recursos máis completos e personalizados da web. Este paso garante unha maior seguridade e permite á plataforma ofrecer contidos exclusivos para usuarios rexistrados.

Por suposto, o rexistro e o acceso á web seguen sendo completamente gratuítos, garantindo que todos os docentes poidan beneficiarse destes recursos sen custo. Non obstante, se queres colaborar no mantemento e desenvolvemento contínuo da plataforma, podes facelo de forma voluntaria premendo aquí.

Valoración e opinión das usuarias

Lanzamos unha nova sección para que poidas valorar e opinar sobre a web. A túa opinión é fundamental para mellorar e seguir ofrecendo recursos de calidade. Participa e deixa o teu comentario aquí: valoracións e opinións.

Banners publicitarios gratuítos

Agora podes publicitarte de forma totalmente gratuíta en ProfesoradoGalicia.com! Esta opción está especialmente deseñada para anuncios relacionados coa profesión docente. Se queres destacar a túa iniciativa, actividade ou servizo, podes informarte aquí.

Unha novidade máis en camiño: renovación da sección de oposicións

ProfesoradoGalicia.com non se detén aquí. Moi pronto, a sección dedicada ás oposicións será completamente renovada, incluíndo novos recursos específicos para opositoras e opositores.

Presentación oficial das novas ferramentas da web e da reformada sección de Oposicións

Mañá martes, 7 de xaneiro, ás 22:00 horas, Pablo Rodríguez Vila —administrador e creador da web— ofrecerá un directo en Twitch no que amosará ao detalle como funcionan todos os novos recursos da web e ademais presentará todas as novas ferramentas da sección de Oposicións.
Non perdas a oportunidade de aprender a tirar o máximo proveito destas novidades e de resolver en directo todas as túas dúbidas.

Share Buttons

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *