O E-Dixgal non é perfecto. Poño moitas pegas, empezando pola condición de que non se pode combinar con certos materiais, como o libro de texto. Adianto que me opoño con forza ao libro de texto tradicional, pois non me gusta todo o que contribúa á homoxeneización dos meus estudantes; mais tráioo a colación porque de aí deriva a miña segunda obxección a E-Dixgal. Finalmente, é unha plataforma concibida para seguir uns materiais moi semellantes a un libro de texto (coa excepción, nada desdeñable, de que permiten inserir recursos audiovisuais) en canto a que se dirixen a todo o alumnado. Porén, estes materiais teñen o aspecto interesante de son plásticos, é dicir, permiten que o profesorado os modifique para adaptalo á súa realidade na aula. Ademais, a plataforma Moodle que emprega E-Dixgal permite construír unha aula virtual con cuantiosas vantaxes: o alumnado coñece as súas notas no momento de publicalas na plataforma, podes facerlles chegar mensaxes instantáneos e enlanzarlles materiais interesantes e conectados coa actualidade.
Nótese que todas as vantaxes mencionei necesitan de, polo menos, dous interlocutores (profesor-alumno) autónomos e hábiles no uso das tecnoloxías. Ningunha destas cualidades pódese dar por sentada en estudantes menores de dez anos. Mentres, a Asociación Española de Pediatría, tras consultar varios estudos, conclúe que, por riba dos cinco anos non é seguro que o menor se expoña a unha pantalla máis de dúas horas ao día: se o ordenador substitúe o libro de texto, garanto que serán moitas máis.
Os dispositivos non deberían estar destinados a substituír o libro, se non a ampliar as fronteiras da aula. É un feito que Internet pode propiciar a democratización da cultura que anunciaba Eco con máis efectividade que ningún outro medio de comunicación de masas; pero hai que recoñecer que o funcionamento dos algoritmos facilita que os usuarios se queden atrapados na súa esfera de interese.
Estou convencida de que de aquí deriva o principal problema co que me atopo na aula: os meus alumnos teñen moi poucos coñecementos previos de case calquera cuestión. Non pretendo facer un alegato catastrofista, se non unha análise da realidade. Permítanme que, para iso, faga unha comparación bastante manida, pero eficaz: cando era nena, a pantalla máis atractiva que había ao meu alcance era a televisión. Os horarios en casa eran estritos, só podía poñer os debuxos un rato á hora da merenda, por suposto durante a emisión do Xabarín Club: o resto do tempo, meus pais controlaban a programación. Esta práctica ensinoume a seleccionar o que máis me gustaba (prefería merendar un pouco máis tarde para ver a miña serie favorita en lugar de ter o televisior acendido desde as cinco) e me expuxo ao telediario e a outros programas de adultos que me aburrían moitísimo, pero que inseriron no meu cerebro en formación algúns conceptos aos que, máis tarde, recorrería para asentar as aprendizaxes.
Actualmente, as nosas crianzas dispoñen dun dispositivo do que facer un uso desconectado do dos seus pais, de forma que, cando o que os adultos consumen lles aburre, o evitan. Os seus cerebros non aprenden a soportar o aburrimento, a frustración, non se expoñen ao descoñecido.
Mais eu sigo atopando no meu alumnado a chispa da curiosidade cando abro unha porta ao mundo exterior. Descubriron o podcast Un libro una hora, os Estudios 1, a canle de Ruiz de Aguirre para practicar sintaxe… Teñenme traído, tamén, os seus propios descubrimentos, xerados en canto alimentan o seu algoritmo con estas novidades.
A escola, como sempre, debe estar aí para ampliar os seus mundos. A familia pon cimentos importantísimos, pero non todas poden ou saben facelo. E as tecnoloxías irromperon con demasiada forza nas nosas vidas: a moitos pais lles pillou coa garda baixa, pensaron que, como nativos dixitais, os seus fillos saberían manexar aquelas ferramentas. Pero, como toda ferramenta, hai que facer unha aprendizaxe con ela: probemos a darlle un martelo a un neno que non o vira nunca antes.
Francamente, creo que a escola pública debe exercer o papel de formadora dixital. Por suposto, isto ten que facerse de forma paralela a estudos ben documentados, a unha avaliación dos procesos de aprendizaxe e a unha coordinación efectiva. Atrévome a dicir que non é necesario un dispositivo por alumno en Primaria (quizais no terceiro ciclo, deixando os dispositivos na aula ao final da xornada), pero o mal uso das tecnoloxías non ten a súa causa nos centros educativos. Precisamente, expoñerlles ao seu uso nun contorno controlado permite incidir nos malos usos que detectamos e formarlles para aproveitar o potencial destas forramentas desde a ética.
En suma, as TIC permitiron axilizar tarefas mecánicas, o que posibilita que nos centremos na parte comprensiva. Dito doutra forma, grazas a que podemos empregar menos tempo repetindo unha acción para que o alumno a automatice, podemos centrarnos en que comprenda para qué facemos esa acción.
Ademais, se o E-Dixgal aproveitase ao máximo as súas posibilidades, crearía un usuario tamén para as familias, de forma que puidesen consultar os materiais e notas dos seus fillos en tempo real. Isto axilizaría moitísimo a comunicación nun sistema educativo altamente saturado e, á vez, altamente consciente da importancia desa comunicación familias-alumnado-profesorado. E, á vez, proporcionaría tamén un maior coñecemento aos proxenitores sobre as forramentas pedagóxicas: con iso, controlarían mellor o uso que os seus fillos fan delas (tamén das dixitais) e se sentirían máis seguros para pór límites.
En definitiva, o camiño non está na prohibición dos dispositivos na escola, se non no seu uso racional, equilibrado, medido e profesional. A través del, creo, pódese asesorar ás familias para que, nas casas, tamén fagan un uso que lles permita aos máis novos aproveitar todo o potencial destes instrumentos sen caer nos perigos que, sen dúbida, levan aparellados.
Concordo coa autora e seu artigo. Temos moitas ferramentas para ensinar competencia dixital, e o libro, a lectura, a escritura…non teñen porque realizarse so nun formato…