Docentia

Dimite o equipo directivo do IES Valadares pola negativa da Consellaría a cubrir as necesidades de profesorado

Docentia

jueves, 17 julio 2025
A continuación reproducimos o comunicado publicado polo centro

Queremos facer público que o equipo directivo do IES Valadares presentou hoxe a dimisión ante a Inspección Educativa e a Dirección Territorial de Educación de Pontevedra.

O motivo que nos levou a tomar esta decisión foi a comunicación de que, a pesar de todos os escritos e informes presentados ás diferentes autoridades educativas, o IES Valadares disporá o vindeiro curso dun docente menos, por ocupar ese posto a segunda orientadora, absolutamente necesaria nas nasas circunstancias.

A realidade é que as nosas aulas son grupos de 30 alumnos/as con aproximadamente un terzo que require unha atención moi específica (síndrome de Down, TEA de diferentes graos, trastornos de conduta, discapacidade intelectual superior ao 33%, altas capacidades, discapacidade visual ou auditiva…). E, por suposto, sen esquecer o resto de alumnado que igualmente ten dereito a unha atención educativa digna e de calidade.

Somos conscientes, e así tratamos de transmitírllelo ás autoridades educativas, de que non é posible para un docente atender de maneira realista e efectiva unha aula como a descrita. A Consellería de Educación presume de ser un modelo de atención á diversidade, pero xuntar nunha aula a alumnado diverso non é suficiente; non podemos falar de inclusión sen medios humanos para levala adiante.

Durante estes anos sumámonos a múltiples programas ofertados pola Consellería de Educación coa intención de enriquecer a nosa oferta e mellorar a calidade educativa. Con todo, ningún vén acompañado de recursos humanos senón que se nutren do voluntarismo e vocación do profesorado e levan consigo unha importante carga de traballo extra: formación, programación, memorias, xestións, coordinacións…

Sabemos que moitas familias escollen o noso instituto por recomendación doutros centros ou gabinetes, convencidas de que o seu fillo ou fila recibirá aquí unha atención adecuada. Pero a realidade acaba por impoñerse: non hai horas de apoio suficientes, non hai atención individualizada, non se poden aplicar todas as adaptacións nin facer un seguimento como sería desexable.

A pesar de todo, o profesorado traballa sen descanso, formándose, implicándose e facendo un esforzo enorme, que nin se ve nin se recoñece. O resultado: profesorado desbordado, familias frustradas, alumnado desatendido e un equipo directivo esgotado.

Chegados a este punto, non podemos seguir asumindo unha responsabilidade para a que nos comprometemos pero para a que non se dan os medios necesarios. A nosa dimisión é unha decisión dura, pero tamén unha denuncia: non queremos ser cómplices dun sistema que precariza a educación pública mentres finxe que funciona ben.

Reiteramos o noso compromiso coa educación pública e co IES Valadares, ao que seguiremos vinculadas/os como docentes, colaborando en todo o que estea na nosa man.

Agradecemos profundamente o apoio e traballo do claustro e a comprensión de toda a comunidade educativa.

Asdo. O equipo directivo do IES Valadares

Share Buttons
Categorías: Recortes

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *