As organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT veñen de descubrir —con gran sorpresa, sen dúbida— que a Xunta de Galicia non está a cumprir o “Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo”. Si, ese mesmo acordo que eles mesmos asinaron hai case ano e medio coa Consellería de Educación, convencidos —ou facendo ver que o estaban— de que todo iría como a seda. Cómpre lembrar que foron estes tres sindicatos, que representan a minoría sindical no ensino público galego, quen decidiron pactar en solitario co goberno autonómico, deixando fóra á organización maioritaria. Unha mostra de visión estratéxica digna de estudo… pero non precisamente como exemplo a seguir.
Resulta, canto menos, profundamente incoherente que agora alcen a voz contra a Xunta polos seus incumprimentos. Foron eles quen rubricaron un acordo feble, sen garantías xurídicas, e fixérono ignorando deliberadamente as principais forzas sindicais do sector. A súa actitude revela máis ben unha preocupante predisposición a facilitar á administración unha operación cosmética que unha auténtica mellora do sistema educativo. E iso, por suposto, só lles sorprende a eles, porque outras organizacións sindicais levan meses advertindo que aquel acordo estaba condenado ao fracaso antes mesmo de saír do forno.
De feito, a CIG-Ensino, sindicato maioritario que se negou a avalar aquel texto, xa advertira da súa insuficiencia e deixara claro que non se recollía en ningún momento o compromiso de plasmar legalmente as novas ratios como máximas, co mesmo valor normativo que as actuais. Sen ese respaldo legal, todo quedaba ao arbitrio da vontade da administración. E agora vese con claridade o resultado: promesas que o vento levou.

Por se non abondara, o momento escollido para anunciar o acordo tampouco foi casual: xusto ás portas das eleccións autonómicas. O seu carácter electoralista era tan evidente como o deseño dun cartel de campaña. Máis que un compromiso serio coa mellora do ensino público, aquilo foi unha operación de maquillaxe da Xunta, cun trío sindical disposto a poñer a súa sinatura ao servizo da propaganda oficial.
A realidade é teimuda. As medidas pactadas non se aplicaron, as ratios seguen como estaban, a xornada laboral docente non mudou, e a Consellería segue empregando aquel acordo como escaparate mentireiro de avances que nunca chegaron. Mentres tanto, quen sofre as consecuencias son os centros, o profesorado e o alumnado, atrapados nun sistema que continúa funcionando baixo os mesmos recortes e a mesma opacidade.
É fundamental que as organizacións sindicais actúen con responsabilidade, independencia e firmeza. Non chega con poñer cara de indignación cando as cousas non saen; hai que prever, defender e garantir. Urxe unha representación sindical que non se preste ao xogo da administración nin á carreira polo titular fácil, senón que antepoña os intereses reais da comunidade educativa galega.
0 comentarios