Un menú que inspirou consenso
O banquete, organizado nun coñecido restaurante da zona vella, comezou cun ambiente tenso, con miradas esquivas e silencios incómodos entre os representantes da Consellaría de Educación e dos sindicatos. Todo mudou cando o conselleiro pediu un brinde cun excelente Rueda —o viño, non o Presidente— que, por certo, tamén estaba presente na cea. Segundo testemuñas ben informadas (que prefiren manter o anonimato ), foi precisamente Rueda quen exclamou, entre racións de polbo á feira e de lacón con grelos: “Chegou o momento de deixarmos atrás as diferenzas!”.
Aparentemente, o brinde enraizou de xeito inmediato. “Estabamos debatendo a sobremesa e, sen sabermos moi ben por que, alguén se puxo a falar de reducir o horario lectivo. Todos aplaudimos e acordamos ao momento que era a mellor opción para a educación galega… e tamén para a nosa saúde mental”, relatou un representante sindical de CCOO ataviado cun gorro de Papá Noel.
Un pacto inesperado
Coa sobremesa a medio repartir e os cafés xa na mesa, o conselleiro, visiblemente emocionado, propuxo asinar o acordo alí mesmo. Sobre o propio mantel, e cun boli bic, redactouse e rubricouse un compromiso que establece o novo horario a partir do 1 de setembro de 2025, así como un incremento de recursos para reforzar o persoal en todos os centros educativos.
“É insólito! Nunca acadamos tanto en tan pouco tempo. Quen nos ía dicir que un pouco de cava e turrón superarían calquera mesa de negociación!”, confesou, entre gargalladas, o representante da CIG-Ensino.
Rueda e o seu ‘Burrito Sabanero’
E cando semellaba que a velada non podía mellorar, chegou o momento estelar da noite. As últimas conversas foron interrompidas por Alfonso Rueda, quen, nun alarde de espontaneidade, colleu unha culler que fixo de micrófono e, entre os berros de ánimo dos presentes, arrancou cunha versión moi persoal de “El Burrito Sabanero”. A sala enteira púxose a bater palmas e a tocar pandeiretas improvisadas coas culleres e pratos. “Se isto chega a saberse antes, convidabámolo a todas as negociacións!”, confesou divertida a representante sindical de UXT, mentres gravaba a escena co móbil.
Non tardaron as redes sociais en facerse eco da nova: milleiros de docentes celebraron o entendemento e mesmo propuxeron que, de agora en diante, as negociacións se realicen sempre arredor dunha mesa ben servida. “Se o próximo acordo inclúe unha terceira paga extra, convido eu á mariscada!”, bromeou un representante de ANPE camiño da porta, mentres tarareaba, entre risos, o célebre estribillo do “Burrito”.
Este xornal conseguiu en exclusiva a versión do “Burrito Sabanero” que Alfonso Rueda entoou durante o célebre banquete. A continuación, reproducímola íntegra para os nosos lectores:
Co meu burriño galego, vou camiño do Banquete,
co meu burriño galego, vou camiño do Banquete.
Se me ven, se me ven, vou co boli e co mantel,
se me ven, se me ven, vou co boli e co mantel.
O polbo e os grelos quentiños, acompañan o camiño,
o polbo e os grelos quentiños, acompañan o camiño.
Se me ven, se me ven, vou co boli e co mantel,
se me ven, se me ven, vou co boli e co mantel.
Co meu boli vou firmando, e o mantel estou manchando,
co meu boli vou firmando, e o mantel estou manchando.
Se me ven, se me ven, vou co boli e co mantel,
se me ven, se me ven, vou co boli e co mantel.
Tuki tuki tuki tuki, tuki tuki tuki ta,
apúrate, meu burriño, que a negociación xa está.
Tuki tuki tuki tuki, tuki tuki tuki tu,
co polbo e licor café, chegaremos á solución.
Unha cea para a historia
Este insólito acordo quedará para a posteridade, non só polo seu contido, senón polo ambiente no que xurdiu. Hai quen xa propón que esta cea se repita cada ano, co obxectivo de que a gastronomía galega siga resolvendo conflitos que as mesas sectoriais non son quen de arranxar.
0 comentarios