Docentia

Confírmase o incumprimento do Acordo de melloras

Pablo Rodríguez Vila

lunes, 1 julio 2024
O trío sindical asinante do Acordo confirma, con comunicados nas súas respectivas páxinas web, que o Acordo que tanto celebraron hai uns meses, finalmente non se vai cumprir nos termos nos que o asinaron

O recente artigo publicado por CCOO, ANPE e UGT confirma as dúbidas na aplicación do Acordo de melloras que publiquei neste xornal hai un par de semanas. Nun intento de maquillar o seu fracaso, estes sindicatos pretenden ocultar a súa rendición ante unha proposta da Consellería que claramente traizoa o que eles mesmos asinaron. As discrepancias de interpretación que agora denuncian eran previsibles porque o texto do Acordo era ambiguo e deixaba demasiados aspectos á discreción da Consellería, sen garantías de aplicación inmediata e efectiva. A problemática que refire o artigo no cómputo dobre e triplo do alumnado con necesidades educativas especiais e na redución das ratios é unha mostra clara disto.

A interpretación do Acordo por parte da Consellería, que propón unha aplicación progresiva e parcial (e non inmediata e total como recolle o Acordo) das medidas de cómputo dobre e triplo do alumnado con discapacidade e da redución das ratios nas aulas, foi aceptada de maneira pasiva polos sindicatos mencionados. Esta aceptación mostra unha clara falta de compromiso coa defensa dos dereitos do profesorado e unha alarmante conivencia cunha administración que parece máis interesada en maquillar as cifras que en implementar cambios reais e necesarios. A situación actual require medidas inmediatas, non promesas difusas de cambios a longo prazo. A mellora do sistema educativo non pode esperar.

A redución a 23 horas lectivas

Outro dos puntos estrela do Acordo, a redución a 23 horas lectivas, está tamén no aire debido a que a día de hoxe a Consellería de Educación non regulou nada por escrito ao respecto. O máis grave é que parece que en ningún momento o vai facer. Esta falta de regulación crea unha situación de incerteza e desigualdade entre os centros educativos. Sen unha normativa clara, uns centros poderían interpretar que as dúas horas lectivas que desaparecen deben ser computadas como horas de libre disposición para o profesorado, mentres que outros poderían decidir que estas horas deben pasar a formar parte das horas de permanencia obrigatoria no centro. Esta disparidade na interpretación pode levar a un incremento das diferenzas entre centros, afectando negativamente á equidade e á coherencia no sistema educativo galego. Ademais, a indefinición pode aumentar a carga burocrática e administrativa, xa que cada centro terá que desenvolver as súas propias directrices internas, xerando confusión e posibles conflitos entre o profesorado e a administración.

“Aplicación satisfactoria da maioría dos puntos do Acordo”

Con esta frase comeza o artigo do trío sindical, pero é crucial preguntarse a que se refiren con exactitude. Están falando da redución de ratios que non se vai cumprir? Ou quizais do feito de que, finalmente, o alumnado con discapacidade non será contabilizado como se estipulaba no Acordo. Pode ser que se refiran ás licenzas por formación, que aínda non foron reguladas a pesar de estaren contempladas no Acordo. Ou tal vez falan da prometida redución da burocracia, da cal non se publicou aínda ningunha medida concreta. Esta falta de claridade e acción concreta por parte da Consellería deixa moitas dúbidas sobre a efectividade real do Acordo, e parece máis unha estratexia de propaganda en vísperas electoriais que un compromiso verdadeiro coas melloras prometidas.

En definitiva, o profesorado galego quere medidas inmediatas, concretas e efectivas que melloren as súas condicións laborais e non promesas vagas ou aplicacións progresivas que perpetúan a precariedade no sistema educativo.

Share Buttons

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *