Docentia

Como os algoritmos maltratan o galego

Pablo Rodríguez Vila

Martes, 21 Maio 2024
Levo anos creando contido profesional en galego en distintas redes sen ter que explicar por que. Para min, é natural e non sei facer as cousas doutra maneira. Recentemente, compartín un vídeo en castelán de 8 segundos que, sorprendentemente, disparouse en visualizacións e interaccións, superando con creces os meus contidos en galego, que levan horas de traballo.

Levo varios anos creando contido profesional en galego en distintas redes, sen que fose necesario explicar nunca, tampouco ninguén mo preguntou, por que o fago en galego. Certamente agradezo que ninguén me fixese esa cuestión porque para min é o natural e non sei facer as cousas, ningunha, doutra maneira.

Dito isto, vén de acontecerme algo que demostra como as redes sociais maltratan a miña lingua. Un pouco de contexto: os meus contidos teñen unha media aproximada de 3500 visualizacións por vídeo, chegando o que máis ten a unhas 25.000. Ningún dos vídeos que publico ten unha duración inferior a 5 minutos e a maioría sobrepasan os 10, chegando algún a unha duración que se aproxima á hora. Son contidos profesionais, serios e en galego. Así que imaxinade a miña sorpresa cando, hai cousa de quince días, compartín, certamente sen pensalo moito e case sen querer, o meu primeiro vídeo en castelán, que nin meu era, xa que simplemente me fixo graza e adaptateino ao meu campo profesional poñéndolle de título Opositora 24/7.

O meu vídeo, en castelán, de tan só 8 segundos, sen ningún valor engadido e feito sen apenas esforzo, disparouse en visualizacións (máis de 150.000 no momento no que publiquei esta nova) e gústames (máis de 5.000) como se fose o último capítulo dunha telenovela venezolana (ou turca, polo de seguir a moda). Dito doutro xeito, un vídeo que tardo horas e horas en crear en galego é invisíbel comparado cun chiste rápido en castelán. É dicir, que as redes sociais decidiron que o contido en galego é como o brócoli na cea de Nadal: todo o mundo sabe que é bo, pero ninguén o quere no prato. É coma se os algoritmos dixesen: “Galego? Iso non nos interesa, pero este meme en castelán, véndese como churros!”. Así que, por arte de maxia, ese pequeno vídeo acadou unhas cifras que farían pórse colorado ao meu mellor contido en galego.

E claro, agora aparecen esas voces sabias dicindo: “Xa ves, é que o castelán vende máis, amigo”. Pois moi ben, pero eu, sentíndoo moito, non me vou pasar. Os contidos que fago en galego son un reflexo de quen son e de como entendo o mundo. É unha pena que as redes sociais non compartan este sentimento, pero a vida é así. A miña decisión de seguir creando contido en galego é firme. Por moitas tentacións que me poidan poñer diante, non vou cambiar o galego por outro idioma que non me representa igual. Seguir creando contido en galego é un acto de resistencia e de amor á miña lingua. Os algoritmos non me comprenden, pero vós, si. Sigo adiante, contra vento e marea, coa esperanza de que algún día, as redes sociais aprendan a valorar a riqueza e a diversidade lingüística tanto coma nós. Así que, seguirei aquí, facendo contidos longos e profesionais en galego, coma quen fai un cocido: con paciencia, dedicación e moito agarimo. Porque a nosa lingua merece ser visibilizada e celebrada, por moito que os algoritmos prefiran a comida rápida.

ACTUALIZACIÓN: dez días despois de publicar esta nova o vídeo superou o millón de visualizacións e os 60.000 gústames…

Share Buttons
Categorías: Lingua

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *