Nas aulas galegas multiplícanse os silencios longos, as olladas baixas, as mans que tremen de ansiedade. A adolescencia xa non é só rebeldía e aprendizaxe, senón tamén angustia, medo e desorde emocional. A escola converteuse nun espello do malestar social, e quen está ao outro lado dese espello son, moitas veces, as orientadoras: profesionais que intentan soster o que ninguén máis se atreve a mirar. “Ultimamente non pasa unha semana sen que haxa un caso de autolesión, de ansiedade ou de risco suicida”, confesa Martina Martínez, presidenta da Asociación Galega de Orientadoras do Ensino Público (AGOEP). “E o máis duro é que moitas veces somos nós quen temos que facer a primeira valoración, decidir se é algo leve ou grave, se hai que derivar a urxencias ou a saúde mental, e non estamos formadas para iso”, lamenta.
“HAI DÍAS QUE SINTO QUE NON PODO MÁIS”
Martina fala con voz tranquila, pero o que conta é devastador. “Eu estudei Psicoloxía, pero moitas compañeiras non e, mesmo así, hai protocolos –como o de risco suicida– que nos superan emocionalmente a todas“, asegura. E explica que “xa non se trata só de coñecementos, senón do peso humano de tomar decisións que poden cambiar unha vida”. E é que explica que a Consellería de Educación publicou novos protocolos sen ofrecer formación nin recursos, e que iso as deixa nunha situación de vulnerabilidade profesional. “De novo, fixérono sen contar connosco, sen explicarnos, sen prepararnos, e estamos falando de cousas moi graves, que teñen consecuencias reais”, denuncia. A orientación converteuse así nunha fronteira entre o sufrimento e a esperanza, un lugar onde o acompañamento emocional se fai sen ferramentas nin rede de seguridade. “Hai días que sinto que non podo máis”, di Martina, que asegura que “mesmo teño que mirar para outro lado para non romperme por dentro”.
“ÁS VECES SINTO QUE LEVO O PESO DE TODO O CENTRO”
Á carga emocional engádese a carga burocrática e organizativa. “Ás veces sinto que levo o peso de todo o centro: o alumnado, as familias, os docentes, as urxencias, os informes… E tamén as cousas que non nos corresponderían”, di Martina. Conta, por exemplo, que chegou a ter que coordinar o programa de alerta escolar, pensado para saber actuar ante crises epilépticas ou de diabetes, entre outras, sen ter ningunha formación específica. “Caeunos a nós porque alguén tiña que facelo, e como todo o que toca a dimensión persoal ou social do alumnado parece que nos compete, pois aí quedou”, afirma. Esta dinámica, asume, xera unha sensación constante de desbordamento. “Estamos sempre ao límite, facendo cousas para as que non se nos preparou, asumindo responsabilidades que non nos tocan e convivindo cun nivel de sufrimento que ás veces é insoportable”, alerta.
“NON SOMOS SUPERHEROÍNAS, TAMÉN NOS ROMPEMOS”
O impacto non é só profesional, senón tamén persoal. “Teño compañeiras que pediron medias xornadas porque non podían máis, porque non se sentían capaces de seguir asumindo esa carga”, conta. “Outras colleron baixas por ansiedade ou depresión e non hai ningún tipo de seguimento nin coidado por parte da Administración”, denuncia. Martina confesa que ela mesma se sentiu moitas veces emocionalmente exhausta. “Non somos superheroínas, tamén nos rompemos”, confesa. “Hai días nos que escoitas historias de dor, de violencia, de fame, de abandono… E tes que seguir, facer informes, sorrir, acompañar… Pero todo iso pasa factura”, afirma. Ademais, a falta de coidados institucionais constrasta co que predican: “Fálase moito de coidar a saúde mental do alumnado, pero quen coida das que coidamos?”, pregúntase.
“LEVAMOS ANOS SOSTENDO O PESO EMOCIONAL DOS CENTROS”
Para a presidenta da Asociación Galega de Orientadoras, o que acontece hoxe nos centros galegos é o resultado dunha suma de desatencións. “Levamos anos sostendo o peso emocional e organizativo dos centros sen medios, sen formación e sen recoñecemento”, asegura, alertado de que “todo iso non é invisible só para a Administración, senón tamén para parte da sociedade”. Martina insiste en que non piden privilexios, senón condicións humanas e profesionais dignas. “Precisamos formación real en saúde mental, coordinación con servizos externos e apoio psicolóxico tamén para nós, porque se caemos nós, cae todo o sistema de coidado que mantén en pé as escolas”, evidencia.












0 comentarios