Chega o momento da verdade. O ensino público galego leva anos sufrindo recortes e deterioro, e este curso comezou igual ou peor: ratios elevadas, falta de persoal, burocracia absurda e unha administración que prefire a propaganda antes que resolver os problemas reais. Nas últimas semanas, tras falar con moitas compañeiras e compañeiros en diferentes centros, a conclusión é sempre a mesma: as condicións de traballo empeoran curso tras curso e quen máis perde é o alumnado.
Non chega con protestar. Podemos queixarnos nos claustros, nas salas do profesorado ou nas redes sociais, pero se non damos un paso adiante de maneira colectiva nada vai cambiar. A folga do 25 de setembro non é só un paro laboral: é un berro común para dicir “ata aquí”. A manifestación en Santiago é tan importante como a folga, porque só coa imaxe das rúas cheas de profesoras e profesores poderá reaccionar a administración. Sen esa presión, todo seguirá igual.
O 25 de setembro non podemos quedar na casa pensando que xa irán outros. Cada corpo que falte na manifestación é un argumento menos fronte á Consellaría e cada corpo que estea é un argumento máis a favor dun ensino digno. O que reclamamos é de xustiza: baixada inmediata de ratios en todas as etapas, recuperación do horario lectivo previo aos recortes, incremento real de persoal para apoios, reforzos e desdobres e menos burocracia e máis ensino. Non pedimos nada extraordinario, pedimos un ensino público de calidade para o alumnado e condicións dignas para quen traballa nel.
Compañeiras e compañeiros, sei que hai cansazo e que ás veces custa crer que servirá de algo, pero tamén sei que cando o profesorado galego se une é imparable. Por iso, o 25 de setembro paramos todas e todos e, sobre todo, enchemos as rúas de Santiago. Porque o ensino público galego merece máis. Porque o alumnado merece máis. Porque nós tamén merecemos máis.
Vémonos na manifestación.







Eu irei á folga como fixen nos últimos…¿30 e pico anos? Pero isto solucionábase DE VERDADE cunha FOLGA EN CONDICIÓNS, “sine die”, sen un final de “mani” na cafetería da esquina.
Non. Ese día 25 de xuño tería que ser o primeiro día dunha folga sen un límite temporal claro. Que a Consellería estivese tan asustada que tivese que poñerse a NEGOCIAR de verdade, porque vira que enfronte non tería un fato de covardes, senón un grupo humano de profesionais que están ata o gorro de aguantar todo o lixo desta sociedade enferma que se tira directamente na ESCOLA. E A ESCOLA NON É UN VERTEDOIRO, a non ser que os que eu considero PROFESIONAIS, realmente sexan só profesionais do vertedoiro, a ver quen recolle máis anacos de AL, de TEA, de ACI, de TDAH ou de PXA.
FOLGA SALVAXE XA!!
25 de setembro, evidentemente.