Docentia

O relato das aspirantes: “Caos e desorganización nas oposicións de educación”

Pablo Rodríguez Vila

Luns, 24 Xuño 2024
A xornada do 22 de xuño estivo marcada por incidentes e desorganización nas oposicións de educación en Galicia. Dende longas esperas e confusión na entrega dos exames ata problemas de infraestrutura, os aspirantes enfrontáronse a diversas dificultades que afectaron o desenvolvemento das probas e xeraron un sentimento de frustración entre os participantes. A experiencia resalta a necesidade de melloras significativas nun proceso cuxa responsabilidade é da Consellaría de Educación, que debe dirixir o proceso e non deixar nas mans dos tribunais a xestión dos locais e condicións das probas

O pasado sábado 22 de xuño, miles de aspirantes acudiron ás oposicións de educación en Galicia, con historias variadas e numerosas queixas. A xornada estivo marcada por incidentes que afectaron o desenvolvemento das probas e xeraron un sentimento de frustración entre as participantes.

Retrasos e desorganización

En varias especialidades houbo serios problemas de organización. Os aspirantes tiveron que esperar longos períodos para comezar a parte práctica, debido a que os chamamentos non comezaron á hora estipulada. Houbo tamén retrasos causados pola insuficiencia de copias repartidas, o que obrigou a buscar máis exemplares e aumentou a tensión e o tempo de espera. Ademais, producíronse incidentes de identificación, permitindo a entrada de opositores que chegaron tarde alegando problemas de aparcamento.

Nun tribunal de primaria de Santiago produciuse outro problema significativo. As persoas que inicialmente seleccionaran Pontevedra como preferencia pero que foron redistribuídas a Compostela non aparecían nas listaxes. Tratábase dunha vintena de opositoras que quedaron fóra esperando ao non ser chamadas en ningún momento. Unha vez comunicado o problema, o tribunal mostrou unha gran paciencia e profesionalidade, conseguindo que todos os afectados entrasen, pero o incidente puxo de manifesto a desorganización e a falta de coordinación por parte da administración ao enviar unhas listas incompletas.

En varias especialidades produciuse certa confusión e demora á hora de entregar os exames, permitindo que algúns aproveitasen para engadir información mentres esperaban na cola.

En Pontevedra, a proximidade dun triatlón con música a todo volume converteu a contorna nunha festa, distraendo aos opositores. “Sabendo que se organizaba iso a escasos 200 metros, ben podían ter escollido outro colexio para a oposición”, comentaba un dos asistentes.

Cambio de última hora

As oposicións de Lingua castelá estiveron marcadas por un cambio inesperado. Informaron aos aspirantes que só terían 2 horas e media para facer a parte práctica, cando segundo comenta o persoal opositor, nos últimos anos dispuñan de tres horas. Isto causou desilusión, especialmente porque os textos eran complexos e requirían tempo para a súa comprensión. A pesar de todo, hai que lembrar que a convocatoria establece esta posibilidade, xa que o único que indica é que o tempo máximo será de 3 horas.

Erros nas probas

Hai tamén queixas sobre erros nos enunciados dos exames, que afectaron negativamente ás aspirantes. En varias especialidades, os exercicios carecían de datos necesarios que foron proporcionados durante a proba, o que xerou confusión e incerteza entre os aspirantes e dificultou a realización da parte práctica. Nalgúns casos, nos exames tipo test, houbo preguntas mal formuladas, xa que presentaban máis dunha resposta correcta, contradicindo a indicación de que só debía haber unha opción correcta.

Tamén hai opositoras que critican a mala calidade das imaxes dos prácticos: tamaño inadecuado para poder ver detalles necesarios para a análise, datos ilexibles etc.

Condicións inadecuadas

Os aspirantes que se examinaron no IES Valadares enfrontáronse a unha situación insólita: non había auga nos baños debido a problemas coa traída de auga do centro. Moitos opositores optaron por non usalos debido ás colas que se formaban e ao cheiro desagradable. Esta falta de previsión afectou a 700 persoas, creando unha situación incómoda e insalubre.

En determinadas especialidades, moitos tiveron que realizar o exame nunha táboa de aglomerado sobre as pernas, o que resultou incómodo e pouco ergonómico, especialmente para persoas altas. Ademais, o ruído constante no hall tamén afectou a concentración dos aspirantes.

Problemas co idioma

Nos tribunais dalgunha especialidade os enunciados do tema estaban só en español. Cando os aspirantes preguntaron se lles podían facilitar unha copia en galego, informáronos de que non era posible, argumentando que os temarios no BOE estaban en español. Este incidente xerou malestar entre os opositores, que sentiron que non se respectaba o dereito a realizar as probas na súa lingua propia.

Aventura desafortunada

Esta era a primeira vez que Emma se presentaba ás oposicións. Con 40 anos e nai de tres nenos pequenos, a verdade é que non estaba moi ao corrente de todo o que implicaba este proceso. Tocáballe presentarse no instituto Eduardo Pondal, pero resulta que hai dous: un en Ponteceso e outro en Santiago.

Como era de esperar, foi ao de Ponteceso! Cando se deu conta do erro, xa era tarde. Subiu ao coche e saíu disparada cara Santiago, pero a medida que pasaban os minutos, a tensión medraba. Chegou 19 minutos tarde á presentación e chorou mares e ríos, sabendo que non a ían deixar presentarse.

Foi unha auténtica novatada para aprender. A pesar de todo, Emma mantén o optimismo e confía en que o próximo ano será mellor.

Hai uns anos, unha rapaza chegou puntual ao exame de oposición en Lugo. Eu estaba repartindo folletos con información da CIG Ensino aos opositores cando esta rapaza se achegou a min e me preguntou se ese era o CIFP As Mercedes. Díxenlle que non, que ese centro estaba bastante lonxe e que non ía chegar a tempo. Nese momento, a miña compañeira de reparto de folletos, Laura, que é bastante máis espelida ca min, decidiu ir correndo buscar o coche, que estaba preto, e levar a esta pobre opositora ao seu destino correcto.
Para a miña sorpresa, mentres íamos no coche camiño do centro, pregunteille como se matriculara en Lugo sendo de Ourense. Ela respondeu que o fixera porque, no titorial de inscrición, eu me matriculara en Lugo… Non volvín saber nada desta rapaza, pero a verdade é que, se lese estas liñas, gustaríame poder invitala a un café e pedirlle desculpas, porque me sentín algo culpable.

pablo rodríguez vila

A pesar das incidencias reportadas durante as oposicións, é importante destacar que estes problemas foron menores en comparación co número total de participantes. Máis de 20.000 persoas se presentaron ás probas, e a maioría puido realizalas sen maiores contratempos. Este feito resalta a magnitude e complexidade da organización de tales eventos, subliñando a necesidade de melloras pero tamén recoñecendo o esforzo e a xestión realizada para levalas a bo porto.

Share Buttons
Categorías: Oposicións

Contido relacionado

6 comentarios
L

6 Comments

  1. Javier Feijóo

    Que magoa co esforzo que leva preparar unha oposición. Sobre todo é unha magoa que os teus propios compañeiros non empatizen e faciliten este proceso.
    Este ano só podo darlles parabéns ao tribunal que está a organizar o proceso no que participo, todo facilidades, con seriedade pero sen ser os protagonistas. Probas claras e axeitadas en tempo, información puntual e detallada, así que cando se fai ben hai que decilo tamén. Moita sorte a todos e todas as opositoras.

    Reply
  2. Gusi

    As oposición en Galiza son un circo, sempre o foron. Nalgunhas especialidades sábese quen vai gañar as prazas tan pronto se publica o tribunal.
    Son tan subxectivas que se pode favorecer ou perxudicar aos candidatos a vontade. As simpatías e os intereses particulares xogan un papel relevante

    Reply
  3. Pilar

    Parece mentira! Xogan ca vida xente, e co seu futuro. Moi triste.

    Reply
  4. Candelabro de madeira

    Eu teño unha queixa xeralizada. A un facultativo do Sergas fanlle preguntas tipo test sobre o seu traballo do día a día. En Filosofía o temario ten 71 temas, pero aproveitables para as cosas aulas non sei se chegarán a 5. Se os plan de estudos van mudando cara a fidelización da orixinalidade e desfavorecendo a memorística, ó final quen memorizamos somos as opositoras, para que o nosotros alumnado pase para diante outro ano máis con chatGPT. E por outra banda, sábese que certo preparador de Santiago sempre traballaba os textos que (sospeitosamente) despois caían na oposición. Sábese? Si. Pódese demostrar? Non. Pero, ante algo así, non me queda outra que propoñer exames tipo test.

    Reply
  5. Outro que tamén estaba alí

    Formo parte dun tribunal de secundaria e podo asegurar que se fai un traballo serio e tratamos de que haxa os menos erros posibles. E eso de que as plazas están dadas é unha mentira como a copa dun pino. Se tan seguro/a estás invitoche a que vaias a un xulgado e o denuncies, pero falar por falar me parece que é moi inxusto. Descalificar e o mais fácil, e vido dun aspirante a se profesor ou profesora me parece que xa mal empezamos.
    Un saúdo.

    Reply
  6. Unha sufridora-opositora

    Soamente quero expresar dúas ideas.
    A primeira é que concordo con que o examen tipo test sería moito máis axeitado e obxectivo que os que facemos actualmente, sen falar do temario totalmente obsoleto e memorístico.
    A segunda é unha suxerencia de que, como moitas oposicións da Xunta de Galicia, se celebrasen en Silleda. Lugar habilitado e perfeccionamento axeitado para este tipo de actividade. Igual son a primeira en descubrir a pólvora, pero creo que é unha idea a ter en conta.
    Gracias por todo o esforzo aos tribunais e moito ánimo aos que están rematando o proceso!

    Reply

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *