Verán dixital: máis pantallas, menos alternativas
No documento da convocatoria fálase da “inclusión dixital desde a infancia” e do “desenvolvemento de competencias dixitais”, pero en ningún momento se menciona a diversidade de contidos educativos que un campamento de verán podería ofrecer. Deportes? Sensibilización ambiental? Igualdade? Cultura galega? Nada. Para a Xunta, a educación no verán pasa só polas pantallas.
Despois dun curso enteiro con Edixgal, moitas familias vense agora cunha oferta “gratuita” que, en realidade, non fai máis que perpetuar o mesmo modelo. Moitos rapaces e rapazas, especialmente aqueles cuxas familias non se poidan permitir outra alternativa, pasarán parte do seu verán diante das pantallas, repetindo a mesma rutina do curso escolar.
Conciliación gratuíta, pero con truco
Non hai que ser moi inxenuo para ver que esta medida busca, por riba de todo, ofrecer unha solución de conciliación para as familias. A Xunta venderá as prazas cubertas como un “éxito rotundo” da dixitalización, sen preguntar nunca se realmente a sociedade quere este modelo.
Mentres tanto, a mesma Consellería que prohíbe levar comida da casa nos comedores escolares e nega aos CRAs a posibilidade de organizar este sistema, non ten problema en permitir que o alumnado destes campamentos si poida traer a súa propia comida. Cando interesa, as normas poden ser flexibles.
Un negocio para uns poucos
O documento da convocatoria confirma que a xestión das actividades será responsabilidade de empresas externas. Outra oportunidade para que o lobby da dixitalización siga facturando, grazas a uns fondos europeos que se presentan como investimentos na educación, pero que na práctica só benefician a determinadas empresas.
Por se fose pouco, a convocatoria indica que cada alumno ou alumna deberá ter acceso a un equipo individual. Que centros contan con este material? De onde saen os fondos para mercalo? Outra mostra de que os intereses comerciais están por riba das necesidades reais da comunidade educativa.
O galego, ausente coma sempre
E que pasa coa nosa lingua? Na convocatoria non hai ningunha mención ao galego como lingua vehicular destes campamentos. Se seguimos a tendencia dos programas de conciliación actuais, o máis probable é que a lingua habitual sexa o castelán e que o alumnado escoite máis palabras técnicas en inglés que termos en galego.
Como xa acontece nos campamentos de conciliación municipais, onde o uso do galego depende exclusivamente do interese ou directrices do concello, aquí pasaremos polo mesmo. O resultado? Unha xeración máis que medra sen contacto natural coa súa lingua propia en contextos educativos e de lecer.
Dixitalizar, dixitalizar e dixitalizar
Non cabe dúbida de que as competencias dixitais son importantes, pero reducir toda a oferta educativa de verán a isto é unha decisión política e ideolóxica, non pedagóxica. Cando se deseña unha oferta de campamentos, o máis lóxico sería ofrecer unha diversidade de contidos e metodoloxías. Pero non, a Xunta escolleu de novo o camiño da dixitalización masiva, sen preguntarlle á comunidade educativa e sen ofrecer alternativas.
O problema non é que existan campamentos dixitais, senón que só existan campamentos dixitais.
Bravo, Pablo! As familias que padecemos a hiperdixitalización das nosas crianzas en Infantil (pantallas interactivas) e Primaria (máis pantallas e E-Dixgal) agradecémosche a crítica e o compromiso.
O sector educativo está a facer caso omiso das recomendacións pediátricas no uso de pantallas: 0 (CERO) horas até os 6 anos, 1h diaria desde os 7 até os 12 anos. Sobran as evidencias científicas: quen non as quere ver é porque ou ben el/ela ten un problema dopaminérxico coas pantallas, ou ben ten algún interese económico no asunto.