O pasado 26 de setembro, a Consellaría de Educación fixo pública a listaxe provisional de persoal admitido e excluído para a cobertura de interinidades e substitucións de cara ao curso académico 2024/2025. Con esta publicación, dáse por finalizado o proceso de actualización das listas de substitución que se iniciara no verán coa exclusión do persoal que superou o concurso-oposición do mes de xullo.
Se formas parte das persoas excluídas do corpo de mestras ou do persoal excluído dos corpos de secundaria estás no teu dereito de presentar unha reclamación para intentar reverter esta situación. O prazo límite para presentar reclamacións varía segundo o corpo docente ao que pertenzas:
- Para o corpo de mestras, o prazo exténdese ata o 3 de outubro.
- Para o persoal de secundaria e outros, o prazo de reclamación remata o 2 de outubro.
Estas reclamacións deben ser presentadas a través da sede electrónica empregando o procedemento específico ED001A. Dentro deste procedemento, debes facer unha “Alegación” para argumentar os motivos polos que consideras que a exclusión foi indebida, achegando a documentación pertinente que xustifique a túa situación.
Se desexas consultar as listaxes provisionais de persoas admitidas, podes facelo accedendo ao portal SubstitutosListas, onde están dispoñibles para a súa revisión.
Ademais dos consellos que achego no vídeo anterior, quero compartir unha serie de recomendacións útiles para todas as persoas que acabades de incorporarvos ás listas de substitucións, co fin de que poidades navegar este proceso con maior facilidade e comprensión.
- Se fuches excluído das listas debido a non superar a primeira proba e non cumprir o requisito de especialidade, é fundamental que revises con atención se a túa titulación está contemplada nesta Orde para a especialidade á que te presentaches. Se comprobas que a túa titulación está incluída, presenta unha reclamación de forma inmediata, achegando a documentación pertinente que acredite os teus estudos.
- Un paso fundamental que non debes pasar por alto é ler detidamente o Acordo que regula as condicións de traballo do persoal substituto e interino. Este documento establece os teus dereitos e responsabilidades, así como as condicións laborais ás que estarás suxeito como parte deste colectivo.
- É recomendable que te unas ás redes sociais e plataformas de comunicación dedicadas a docentes, como as dispoñibles en ProfesoradoGalicia.com. Estas comunidades permiten estar ao tanto das últimas novidades, convocatorias e experiencias doutros profesionais que, coma ti, están nas listas de substitución.
0 comentarios