O meu primeiro contacto co ioga tivo lugar durante a miña etapa como doutoranda na universidade. Neses anos familiariceime coa modalidade “hatha”, baseada na práctica física do ioga. Por aquel entón, xa pasaba moitas horas sentada diante do ordenador e padecía dor de costas con bastante frecuencia. A práctica de posturas de ioga, dúas veces a semana, contribuíu notablemente a paliar esta dor. Dor que no profesorado se agudiza en vésperas de avaliación; ao estarmos moito tempo corrixindo, as cervicais sofren moito e incluso podemos experimentar formigueo nas mans.
Ademais diso, o ioga permite desenvolver unha conciencia corporal, tonificar a musculatura e aprender a respirar (pranayama). A respiración é a base dunha correcta fonación, polo que o ioga tamén contribuiría a minimizar o risco de lesións nas cordas vocais, enfermidade profesional docente por antonomasia. Aínda que como espectadores dunha sesión de ioga, podemos pensar que “non se fai nada”, non temos mais que practicalo para caer na conta da alta demanda que supón manter unha postura durante certo tempo. A temperatura corporal elévase froito da actividade muscular e comezamos a suar sen necesidade de movernos. O ioga é polo tanto unha práctica que contribúe de forma directa a fortalecer músculos e articulacións e indirectamente ao coidado da voz, a nosa principal ferramenta de traballo.
Dun tempo a esta parte, veño practicando outra modalidade de ioga (vinyasa), na que mais aló do plano físico, traballamos a relaxación da mente mediante a combinación de posturas. Isto que dito así parece moi complexo, non é mais que unha forma de practicar o mindfullness ou concentración plena. Esta práctica resulta de vital importancia para loitar contra a síndrome de burnout no profesorado, acostumado a ter que efectuar unha morea de tarefas simultaneamente. A preparación das clases, a carga burocrática e especialmente a xestión de conflitos na aula son cuestións que en moitas ocasións superan a nosa capacidade de adaptación, poñendo en risco a nosa saúde mental. Esta situación agrávase ca titoría, onde as atribucións docentes van mais aló do académico. O traballo docente, como calquera outro con persoas, é psicoloxicamente moi esixente. De aí, a importancia de “desconectar” e levar a cabo no tempo libre actividades distintas. Neste sentido o ioga, que se practica en silencio ou con música relaxante é unha actividade que permite calmar a nosa mente, sobrestimulada polos altos niveis de ruído nas aulas.
Unha das principais leccións do ioga é que na vida “nada permanece, todo cambia”. Este mantra é especialmente acertado no caso do profesorado substituto, obrigado a vivir na incerteza de onde estará nun futuro mais ou menos próximo. Moitas persoas alleas ao mundo do ensino envexan as vacacións dos docentes; pregúntome cantas delas serían capaces de construír unha vida na que a inestabilidade laboral, a lo menos no comezo, é unha constante. No meu caso, a principal aprendizaxe que me brindou o ioga foi aceptar os cambios e afrontar con mais tranquilidade mudanzas, aterraxes nos centros e preparación de novas materias. Aínda que o ioga se pode practicar na casa con titoriais de internet, o mais recomendable para sermos constantes é acudir a un espazo habilitado para tal fin e facelo en compañía dun grupo. Asumir ese compromiso repercute positivamente na saúde física e mental do profesorado.












Parabéns Eva polo teu artigo e por compartir a túa experiencia e visión do ioga.
Estou totalmente de acordo contigo.
Pois cada vez é máis importante que nos coidemos. Deberían darnos formación obrigatoria de ioga e demais técnicas mellor que moitos cursos obrigatorios para o profesorado que non son nada útiles.
Como profesor de secundaria na incertidume das substitucións e tamén de ioga aplaudo as túas verbas porque nacen da túa verdadeira experiencia. O ioga é unha ferramenta fundamental para a vida e a nosa saúde invitando a todo o mundo polo menos a probar. Así que aquí tedes un amigo para tal fin e senóm ogallá fosen máis os obradoiros para o profedorado e incluso alumnado sobre ioga. Eu novamente me ofrezo. Namaste!
Moitas grazas polos vosos comentarios compañeiros! Pablo, tomo nota do teu ofrecemento, namaste 🙂