Un grupo de nais e pais de alumnos do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios, de Santiago de Compostela, acaban de presentar un escrito ante a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional solicitando a eliminación inmediata do programa de Educación Dixital (E-Dixgal). Este proxecto, implantado desde o curso 2014-2015, e que conta no curso actual cun total de 617 centros adheridos, supón a substitución dos libros de texto en papel por materiais dixitais accesibles exclusivamente a través de portátiles proporcionados pola Consellería, obrigando ao alumnado a pasar longas horas fronte a pantallas.
As familias argumentan que o uso intensivo de dispositivos dixitais, que pode superar as 5 horas lectivas diarias máis o tempo de estudo en casa, vulnera as recomendacións da Asociación Española de Pediatría (AEP). Segundo o informe da AEP do 5 de decembro de 2024, o tempo de exposición a pantallas debería limitarse a menos dunha hora diaria en Primaria e dúas horas na ESO, debido á evidencia científica que vincula o exceso de pantallas con problemas de saúde mental como ansiedade, depresión e trastornos de atención, así como dificultades cognitivas graves.
Ademais, destacan que o informe presentado pola Consellería o 22 de abril de 2024 cos datos consolidados do curso 2021-2022 para avaliar a eficacia do programa E-Dixgal, non permite concluír que o programa teña un impacto positivo no rendemento académico do alumnado, poñéndose de manifesto as carencias estatísticas, a ausencia de datos desagregados e os problemas de interpretación dos resultados cos que a Consellería pretende destacar o éxito do mesmo. Non se proporciona información algunha sobre os centros dos que foron extraídos os datos, nin se aportan datos do curso finalizado máis recente no momento de presentar o informe (curso 2022-2023), nin dos cursos precedentes, o que parece un intento por amosar os datos máis favorables dispoñibles.
No escrito, os proxenitores denuncian que a decisión de adherirse a E-Dixgal recae exclusivamente no Claustro e no Consello Escolar, onde as familias teñen unha representación minoritaria, deixando aos menores desamparados ante unha dixitalización que consideran abusiva. Unha vez dentro do programa, a Consellería non permite que os centros se dean de baixa ata transcorridos catro anos desde a implantación.
As familias sinalan que comunidades como Madrid e Murcia, e países como Suecia e Canadá, xa optaron por reducir o uso de dispositivos dixitais nas aulas, seguindo evidencias médicas similares. Por iso, esixen á Consellería a supresión deste programa en todos os centros de Galicia, alertando de que a saúde dos seus fillos e fillas está en risco sen que se teña probado unha mellora educativa.
Coma sempre, iluminados do Pp cobrando un pastòn sin contrastar pedagoxicamente nada, todo vale pola pppasta