Docentia

Aprobaches as oposicións. E agora que?

Pablo Rodríguez Vila

viernes, 17 julio 2026
Parabéns por superar as oposicións! Este logro é froito do teu esforzo e dedicación, e agora comeza unha nova etapa na túa carreira profesional. É importante estar ao tanto dos seguintes pasos e prazos para asegurar a túa incorporación exitosa. Este artigo proporciona unha guía detallada sobre o proceso, dende a solicitude de destinos provisionais ata o nomeamento final como funcionariado de carreira. Aquí atoparás información esencial sobre os trámites e as etapas que seguirás nos próximos meses.

1. Solicitude de destinos provisionais (CADP)

O prazo para a solicitude de destinos provisionais é de 2 días hábiles dende a publicación das persoas aprobadas. Debes cubrir a solicitude na aplicación CADP da Consellaría e presentala na sede electrónica da Xunta. Se non tes un correo na plataforma da Xunta, créao en Conta de Usuario. Para problemas, chama ao 881 997 701.

2. Documentación: declaración responsable, informe médico e certificado de carecer de antecedentes por delitos sexuais

O prazo para entregar a documentación é de 20 días hábiles despois da publicación no DOG das listas de persoas aprobadas, que habitualmente se realiza a mediados de agosto. Necesitarás un certificado médico que indique que non padeces ningunha enfermidade nin estás afectado ou afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co exercicio da docencia e que debes solicitarlle ao teu doutor (non é necesario o certificado médico oficial), a declaración responsable que podes descargar aquí e o certificado de carecer de antecedentes por delitos sexuais, este último só se non autorizaches a súa consulta na solicitude de participación. Non sabes como consultar se autorizaches ou non a consulta? É sinxelo: entra na Sede electrónica da Xunta, identifícate e busca nos últimos expedientes e presentacións o procedemento co código ED001A deste ano. Accede a el e aí poderás descargar a túa solicitude de participación nas oposicións e comprobar se autorizaches ou non a consulta.

3. Toma de posesión

A toma de posesión do destino asignado no CADP será o 1 de setembro e realizarase no centro onde obtiveses destino. Todos os anos se publican unhas instrucións coa documentación que deberás de levar o 1 de setembro ao centro adxudicado, aquí podes consultar as do ano pasado. A parte do anterior, non precisas levar nada máis que ganas de comezar e uns cantos euros para convidar ao café. Porque, si, pagar o primeiro café do curso é unha tradición tan antiga como queixarse do tempo.

4. Muface

Deberás darte de alta en Muface a través da súa web. Poderás escoller entre atención sanitaria pública ou privada. Non teñas medo de que se che olvide este paso, xa que recibirás un correo de Muface con instrucións.

5. Fase de prácticas

A fase de prácticas ten unha duración de 4 meses, durante os cales se nomeará un titor/a que te asesorará e avaliará. Ao finalizar esta fase deberás entregar unha memoria sobre a que recibirás instrucións nun correo electrónico que debe reenviarche o teu centro, aproximadamente no mes de outubro. Acabas de superar unha oposición e non te vai asustar ter que facer unha memoria da fase de prácticas, mais se desexas coñecer máis detalles sobre como realizala, no seguinte punto atoparás unha ligazón a un curso no que vas aprender moito.

6. Cursos de formación

  • Cursos da CIG-Ensino: gratuítos, abertos a todo o mundo e organizados en setembro/outubro. Están deseñados para orientar na realización da memoria da fase de prácticas e tamén ofrecen información sobre permisos, licenzas, Concurso Xeral de Traslados, comisións de servizo etc. Xa podes matricularte neles aquí. Se o fas nos de Lugo ou Pontevedra, o docente serei eu. E lembra, afiliarte a un sindicato fortalecerá e asegurará o teu camiño como docente.
  • Cursos obrigatorios: Inclúen un de galego, un de igualdade, e outro de propaganda… perdón… de coñecemento da administración… Non te agobies cando, chegado o momento, comprobes que uns compañeiros/as xa os están realizando e ti non, xa que se fan por quendas durante todo o primeiro trimestre. De novo será por correo electrónico como vos convocarán para comezar estas formacións.

7. Concurso Xeral de Traslados (CXT)

O Concurso Xeral de Traslados estará en prazo en outubro ou novembro. Ofrezo información detallada sobre o baremo e a participación a través de directos en Twitch e vídeos en YouTube como o que podes ver a continuación. Sígueme nas anteriores redes sociais para manterte informado/a sobre todas as novidades.

8. Nomeamento como funcionariado de carreira

Unha vez rematado o curso vindeiro, serás nomeado/a funcionariado de carreira no Boletín Oficial do Estado. Ao cabo duns meses recibirás o teu título de funcionariado de carreira que, sinceramente, non servirá para moito, pero quedará perfecto colgado no salón.


Parabéns a todas e todos os novos funcionarios e funcionarias en prácticas! Comeza agora unha etapa emocionante, chea de aprendizaxes, retos e novas oportunidades. Quero darvos a benvida e desexarvos moito éxito nesta nova andaina profesional. Aproveitade ao máximo esta experiencia, preguntade, compartide, aprendede das persoas que vos rodean e non dubidedes en pedir axuda ou consello sempre que o necesitedes. Estou seguro de que este curso estará cheo de momentos especiais, crecemento profesional e moitas satisfaccións. Benvidas e benvidos ao ensino público galego, e moitísima sorte nesta nova etapa!

E tampouco me esquezo de todas as persoas que nesta ocasión non lograstes superar o proceso selectivo. Estou convencido de que conseguiredes a praza no futuro. Agora só tedes que agardar a que se actualicen as listas de substitución durante o primeiro trimestre do vindeiro curso. Pero, sobre todo, toca descansar, desconectar e recuperar forzas durante o verán. Haberá tempo para retomar a preparación das oposicións coas pilas cargadas, con máis experiencia e cun novo impulso.

Moito ánimo e moita sorte para todas e todos!

Share Buttons
Categorías: Oposicións
Etiquetas: 2026, Oposicións

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario