Lembro que cando estudaba o mestrado, un poñente díxonos un día “na concertada traballas mais e cobras menos”. Naquel momento, iso non foi un inconvinte para min. Eu, que daquela me achegaba aos trinta anos e viña de facer un doutoramento, tiña moita ilusión por comezar a dar clase, así que enviei o meu currículo aos centros privados e concertados da comunidade. Tan boa sorte tiven que me deron unha oportunidade na miña cidade de orixe. E alí fun con moitas ganas. Non obstante, o golpe de realidade foi inmenso. Encargada dunha materia en 2º e 3º ESO, dous cursos, segundo o meu punto de vista, dos mais complexos. Tiven problemas de disciplina na aula, queixas de familias e a sensación de facelo todo do revés. Supoño que é algo polo que en maior ou menor medida, todas pasamos o noso primeiro ano. Pensei en abandonar en moitas ocasións, pero resistín movida pola miña vocación e o apoio das compañeiras. De contrato en prácticas a baixa por embarazo, pasando por contrato COVID ata outra baixa de maternidade, ese foi o meu periplo ata conseguir na pública, a miña primeira interinidade.
Vaia por diante que cada centro concertado, igual ca público, é un mundo. A pesar de serme unha realidade allea nos comezos por ser eu alumna do sistema público durante toda a miña vida, na escola concertada sentinme moi acollida e é que o acompañamento do profesorado novel é neste tipo de centros, unha cuestión prioritaria. Na pública, este feito está mais condicionado pola existencia dun sistema de calidade que integre isto (CIFP) ou pola axuda que poidan brindar aos compañeiros e compañeiras. Outro aspecto salientable é a infraestrutura e o material do que dispón o alumnado. Na concertada, é habitual que cada alumno en Secundaria teña o seu propio dispositivo electrónico e que haxa un equipo de informáticos dispoñible durante todo o horario escolar para arranxar calquera incidencia. Nun dos centros nos que traballei, ata había dúas enfermeiras en nómina. A abundancia de medios, hai que sumarlle a abundancia de espazos, existindo nalgúns centros despachos individuais ou colectivos para o profesorado, así como varias pistas de deporte, pavillón cuberto, salón de actos, etc. Outro dos aspectos salientables da escola concertada é, a lo menos nos centros nos que traballei, a atención a diversidade, contando con profesorado de apoio nas aulas e programas de enriquecemento curricular para a atención das altas capacidades.
A pesar do que poida pensarse, a escola concertada soubo adaptarse aos novos tempos; o que eu experimentei difire bastante do que miña nai viviu como alumna nese colexio de monxas onde debutei como docente. Aínda que hai centros que teñen código de vestimenta para o profesorado, eu nunca tiven problema por levar piercings, pantalón vaqueiro e zapatillas. A este respecto, debo engadir que se o alumnado está obrigado a levar uniforme, que o profesorado tamén teña que levalo paréceme unha medida coherente; outra cousa é que nós coma docentes, esteamos polo labor de facelo. Teño que dicir que como profesora de Ciencias, persoalmente tiven liberdade de cátedra para falar da orixe do sistema solar ou da evolución humana. As tradicionais oracións matutinas foron sustituídas na maioría de casos por vídeos motivacionais ou reflexións en torno a espiritualidade. Mais aló de certas celebracións ao longo do ano, os valores relixiosos tradúcense nun claustro solidario, o que contribúe a crear un sentemento de comunidade. É por iso que, en liñas xerais, a escola concertada trata de estabilizar o profesorado.
Pero a realidade é que moitas e moitos docentes abandonan a escola concertada e marchan para a pública, na procura de mellores condicións de traballo. Na concertada, é frecuente que o profesorado asuma atribucións non docentes, como poden ser gardas de comedor, convivencias ou grupos de ocio e tempo libre, aos que acompañar nas saídas de fin de semana. Neste tipo de centros, as familias demandan un maior control das súas crianzas, ao que obriga ao profesorado a notificar a través da plataforma actividades e tarefas. Como esta medida vai en detrimento da autonomía do alumnado sería outro debate. Por outra banda, as familias teñen un alto nivel de participación na escola, podendo chegar a cuestionar os métodos docentes e influir na continuidade do persoal. Isto leva a moitas compañeiras da concertada a blindarse fronte posibles queixas. Aínda me lembro como unha compañeira coa que compartin materia nun curso, me daba os exames impresos para poñer no meu grupo e así, evitar problemas.
É por iso que a pesar de ter que disputarse as aulas de informática, de ter que apretarse na sala de profesorado, de terse que habituar a distintas formas de traballar cada ano, a maioría do profesorado escolle a escola pública, onde cada persoa viste como quere e a liberdade de ensino é plena. No meu caso particular, na escola concertada crecin profesionalmente e descubrin a importancia da educación integral das persoas. Por todo isto e polo bo trato recibido, sempre a respetarei. Cando cheguei, sen embargo, o meu primeiro centro público e vin que o director estaba tatuado e o xefe de estudos ía en chándal, sentin que estaba no sitio indicado. Ao fin e ao cabo, grazas a escola pública a filla dunha ama de casa e un albanel chegou a ser doutora. Agora como docente, síntome afortunada de poder contribuír a eses pequenos grandes milagres.












0 comentarios