As antigas licenzas
As antigas licenzas por formación, retribuídas, permitían que os docentes ampliasen a súa formación con doutoramentos, licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitecturas e arquitecturas técnicas, así como a elaboración de materiais didácticos e o perfeccionamento de linguas no exterior.
Para acceder a estas licenzas, os docentes debían cumprir unha serie de requisitos, como estar en servizo activo, ter unha antigüidade mínima de tres anos, non estar en comisión de servizos e non ter gozado dunha licenza retribuída nos últimos oito anos. Os solicitantes presentaban unha solicitude detallada con documentación acreditativa dos seus méritos e un proxecto dos estudos ou investigacións a realizar. Os criterios de selección baseábanse na valoración dos méritos, priorizando aqueles proxectos que contribuísen á mellora da calidade educativa.
Estas licenzas foron liquidadas no ano 2012 pola Consellaría de Educación.
Borrador da convocatoria das licenzas por formación do curso 2010/11
As actuais licenzas
As licenzas por formación actuais, non retribuídas, permiten realizar estudos para obter graos, doutoramentos ou mestrados.
Poden solicitarse por períodos ininterrompidos de ata cinco meses (de setembro a xaneiro ou de febreiro a xuño) ou do 1 de setembro de 2024 ao 30 de xuño de 2025. Para titulacións de grao ou equivalente, requírese realizar un mínimo de 50 créditos para licenzas de curso completo ou 20 créditos para licenzas parciais. Para programas de mestrado oficial ou doutoramento, os requisitos son 20 créditos para un curso completo e 12 créditos para un período parcial. Ademais, existe a posibilidade de solicitar unha licenza non retribuída para realizar proxectos ou actividades orixinais e inéditas que teñan por obxecto investigacións directamente relacionadas co traballo das persoas solicitantes ou de interese para o sistema educativo galego.
Para solicitar calquera modalidade de licenza non retribuída, os solicitantes deben presentar un proxecto detallado. No caso de estudos académicos, o proxecto debe incluír o título dos estudos, o centro onde se realizarán e o plan de estudos con cursos, materias e créditos. Para proxectos ou actividades de investigación, o proxecto debe conter o título, obxectivos, xustificación, metodoloxía e plan de traballo, e previsión de aplicación práctica no ámbito escolar. As solicitudes deben cubrirse na web de FProfe e enviarse por sede electrónica cunha instancia xenérica dirixida a RRHH antes do 22 de xullo.
Convocatoria das licenzas por formación para o curso 2024/25
A historia das licenzas non retribuídas
A regulación das licenzas por estudos non retribuídas nace do artigo 7.4 do Acordo de mellora do funcionamento do sistema educativo. Este acordo, asinado polos sindicatos ANPE, UGT e CCOO, non se aplicará, como os propios sindicatos recoñecen nas súas páxinas web e como recollimos neste artigo, nos puntos que supuñan certas melloras nas condicións laborais. Porén, o acordo si se cumprirá estritamente no caso da regulación das licenzas por estudos a custo cero.
A sinatura deste Acordo pecha definitivamente a porta á posibilidade de recuperar as licenzas por formación retribuídas e, lonxe de representar unha mellora, supón un paso atrás nos dereitos e beneficios do profesorado con respecto ás antigas licenzas retribuídas. Non hai que esquecer que todos os sindicatos incluían nos seus programas electorais a recuperación das licenzas por estudos retribuídas. Este incumprimento das promesas electorais é o segundo nun curto espazo de tempo, despois de que asinaran no mesmo Acordo a redución a 23 horas lectivas no corpo de mestres e manter o horario lectivo de 20 horas en secundaria, fronte ao que nos seus programas electorais incluían: 21 horas en primaria e 18 en secundaria. Isto levanta serias dúbidas sobre o compromiso real destes sindicatos coa defensa dos intereses do profesorado.
0 comentarios