Falamos dunha medida que non foi debatida co profesorado nin coa representación sindical. Un novo exemplo de imposición vertical, de desprezo polos espazos democráticos e pola comunidade educativa. Que pretende exactamente a Consellaría cando fala de “neutralidade ideolóxica”? Quen decide o que é ideoloxía e o que non? Porque defender os dereitos humanos, o medio ambiente, a igualdade, ou organizar actividades culturais e pedagóxicas forma parte do labor docente, non dunha axenda política.
A realidade é que a Xunta quere impor censura previa nas actividades escolares, limitar o pensamento crítico e utilizar a burocracia como ferramenta de control. O requisito de que todo estea previamente recollido na PXA e que só se poidan aprobar excepcións “motivadamente” non busca ordenar, senón reprimir. A experiencia recente en centros de ensino con actuacións da inspección por orde directa da Consellaría —retirada de carteis, eliminación de bandeiras, censura de obradoiros— non son casos illados, senón síntomas dun modelo autoritario e reaccionario.
A Consellaría fala de “bo clima” e “convivencia”, pero o que verdadeiramente quere é silenciar a voz do profesorado e evitar que se forme unha cidadanía libre, crítica e informada.
Non á censura. Si á liberdade de ensinar.












0 comentarios