Docentia

A Guerra de Korea non rematou

Docentia

lunes, 15 julio 2024
Este poema que recibimos no noso correo electrónico, cargado de simbolismo e emoción, é unha poderosa testemuña do que moitos docentes viven cada ano. As oposicións, coas súas probas esixentes e a súa presión constante, poden deixar feridas profundas e cicatrices que tardan en sanar. Non obstante, dentro desta loita, tamén hai momentos de solidariedade, comprensión e esperanza.

Moitos de nós seguimos no paralelo 38
nunha fronteira onde sabemos que a guerra non rematou
a guerra témola aquí
cada ano en xuño escoitamos os motores no aire
Allen Ginsberg escribía no seu Howl
I saw the best minds of my generation destroyed by madness
O Leo de Matamá, no seu libro de haikus Hai Cu
Eu mirei os mellores cerebros da miña xeración estompados contra o plinton
Gertrude Stein, en conversa con Hemingway, díxolle
you are all a lost generation

As cicatrices abren na porta do verán
o pus levámolo dentro
Somos moitos os que seguimos na guerra de Korea
poucos son os war veterans que poden volver a casa
lesionados e con feridas que tardan en sandar
Profesorado con receitas de orfidal no peto
pola carga de traballo, pola oposición que tratan de preparar
traballando
Dinlles a@s fill@s que agora non poden xogar con eles


hai que estudar


Recordas as amizades e bótalas de menos
Tes sorte porque a túa parella entende que este ano, de novo
non vas estar en Carboeiro
A avoa vaise apagando e o teu destino provisional deste ano está a 185 km
A ver se para o ano hai algo máis de sorte
A ver se para o ano
A ver se para o ano
Mesmo na semana que comezan as oposicións tes un xuízo, na fiscalía de menores
polos insultos e ameazas daquel rapaz de 4º ESO
Buscas tempo para repasar uns temiñas
e chegar a eso
O práctico dáche unha hostia coa man aberta
polo menos este ano caeu un tema que estudaches
e volves a casa
non podes conducir, estás sen durmir
conduce o fracaso sen carné
póñame un vermú, se fai favor, cunha lágrima simbólica
de xenebra
Somos moitos os que seguimos na guerra de Korea
e eu hoxe colgaríanos unha medalla
aínda que non sirva para nada
Dentro deste proceso bárbaro e cruel que son as oposicións
o único que salva é
unha lágrima
simbólica

Masha Álvarez


En Docentia, queremos ser ese espazo onde os docentes poidan compartir as súas historias, sentimentos e experiencias. Se tes algo que contar, un poema, un artigo ou unha reflexión, animámoste a envialo ao noso correo electrónico: docentia@profesoradogalicia.com. A túa voz é importante e pode ofrecer apoio e inspiración a outros que están na mesma batalla.

Share Buttons
Categorías: Oposicións
Etiquetas: Oposicións, Poema

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *