No curso académico 2023-2024, iniciei o meu periplo no Ensino Público cunha interinidade nun Centro Integrado de Formación Profesional. A miña sorpresa foi inmensa cando o equipo directivo me propuxo a min, unha recen chegada, ser Coordinadora de Igualdade do centro. Chamoume a atención que ningunha docente con destino definitivo desenvolvera esta tarefa; pero no centro máis da metade do persoal non era fixo.
Aínda que levo dez anos formándome nesta temática, asumir a coordinación supoñía un reto, xa que debía encargarme da actualización do Plan de Igualdade. Aceptei o cargo con ilusión, apenas consciente da cantidade de documentación que tería que manexar e cunha chea de ideas sobre posibles actividades. Liberáronme dúas horas do horario para traballar na Coordinación, mais como podedes imaxinar fixeron falta unhas cantas horas máis na casa.
Actualizar o Plan de Igualdade, que fora redactado por un grupo de traballo designado a tal efecto catro anos antes, levou o seu tempo. Houbo que revisar a lexislación en materia de igualdade e educación tanto a nivel estatal como autonómico. Os documentos empregados para a redacción do marco lexislativo foron os seguintes:
- Constitución Española
- Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro de medidas de protección integral contra a violencia de xénero
- Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral a infancia e a adolescencia fronte a violencia
- Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Igualdade
- VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027
- Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación
- Lei Orgánica 3/2022, de 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional
- Real Decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional
- Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar
- Decreto 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional
- I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020
Así mesmo, para facer un diagnóstico da situación no centro, elaboráronse e difundíronse enquisas entre a comunidade educativa. Os resultados puxeron de manifesto varias problemáticas extrapolables á maioría de centros educativos e concretamente aos de formación profesional:
- A existencia dunha fenda de xénero nas distintas familias profesionais. Mentres que as relacionadas coa educación e os coidados están feminizadas, as relativas aos traballos manuais están masculinizadas.
- A necesidade de formación do profesorado en prevención e detección de violencia de xénero.
- A falta de referentes femininas, especialmente en sectores masculinizados.
- As condutas discriminatorias e a existencia de relacións tóxicas entre o alumnado.
Unha vez detectadas as necesidades do centro, constituíuse unha Comisión de Igualdade integrada por membros do equipo directivo, do alumnado e do profesorado. Unha vez máis, a maioría das integrantes da Comisión eran mulleres. Establecéronse as liñas de traballo para os distintos trimestres: sensibilización fronte as violencias machistas no primeiro, mulleres referentes no segundo e diversidade afectivo-sexual e relacións saudables no terceiro. Este esquema de traballo podería aplicarse en todos os cursos académicos, coincidindo coas datas máis sinaladas en materia de igualdade (25 de novembro, 8 de marzo e 17 de maio).
No primeiro trimestre, desenvolvéronse as seguintes actividades:
Outubro (Mes da Loita contra o cancro de mama)
Charla da Asociación de afectadas de cancro de mama e xinecolóxico ADICAM de Cangas do Morrazo, na que as voluntarias explicaron a importancia da autoexploración para unha detección precoz e o percorrido da Asociación desde a súa fundación no ano 2000.
Novembro (Mes da sensibilización fronte as violencias machistas)
- Elaboración de marcapáxinas para o profesorado con consellos para integrar a perspectiva de xénero na práctica docente e detectar posibles casos de violencia de xénero no ámbito educativo.
- Participación no Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais, con motivo do 25 de novembro “día internacional contra a violencia de xénero” convocado pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
- Certame fotográfico contra a violencia machista para o alumnado do centro.
- Elaboración de cartaces e bolboretas de origami (na honra das irmás Mirabal).
- Conmemoración do 25N coa lectura dun manifesto elaborado polo alumnado e realización dun mural de mans colaborativo.
- Rotulación das escaleiras do centro a partir da adaptación do termómetro da violencia de xénero de Marina Marroquí.
Decembro (Mes do Voluntariado e dos dereitos humanos)
- Charla de voluntarias da Cruz Vermella sobre as oportunidades de voluntariado na contorna.
- Difusión dunha enquisa (ONU, 2008) sobre o respecto aos dereitos humanos e a non discriminación entre a comunidade educativa e elaboración dunha infografía cos resultados.
Se tes interese en dispor do Plan de Igualdade, a enquisa de diagnóstico no centro, os recursos elaborados ou información mais detallada sobre as actividades, non dubides en enviar un email a ecabanelas@edu.xunta.gal.
Moi bo traballo, artigo moi práctico. Collo ideas para o cifp onde estou de orientadora. Grazas…
Moitas grazas Eva, ese era o obxectivo, que vos sexa útil noutros centros. Quedo a túa disposición para calquera dúbida no correo electrónico.
Gran trabajo hecho el año pasado y visto en primera persona. Tanto a nivel de aula como a nivel de centro.
Gracias, da gusto encontrarse con compañeros así, con ilusión y trabajadores.
Muchas gracias por el comentario Alejandro! 🙂