Aínda que no mes de Abril, hai datas importantes no calendario como o Día Internacional do Rosa (12 de abril) ou o día da Visibilidade Lésbica (26), resulta mais práctico concentrar o traballo de diversidade nun único mes. Pode ser unha boa oportunidade, sen embargo, para organizar en colaboración coa Biblioteca do Centro, un coloquio con algún autor ou autora que aborde na súa obra temáticas relacionadas coa igualdade e a diversidade. Neste sentido, é esencial visibilizar a figura de mulleres destacadas da contorna do alumnado. Sirva de exemplo a conferencia “Aurora Sampedro: a científica da Mariña adiantada ao seu tempo” por parte do autor do libro homónimo Manuel Rivero.
A coordinación de Igualdade poderá colaborar coa Biblioteca ao longo de todo o curso, na selección dos títulos para o clube de lectura ou na ampliación de fondos bibliográficos. No curso 2023-2024, as obras elixidas no noso CIFP foron: “Las tres hermanas” de Rosa Paz, “Furia” de María Reimóndez e “Non penses nun elefante rosa” de Antía Yáñez, todas elas escritas por autoras galegas que abordan a igualdade de xénero e a diversidade.
Maio (Mes da Diversidade e contra a LGTBIfobia)
- Charla para alumnado “Escola sen armarios” de Cristina Palacios de ARELAS, Asociación de familiares de menores trans de Galicia, na que se reflexionou sobre diversidade afectivo-sexual a través das vivencias e testemuños de persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQ+
- Formación para profesorado sobre Diversidade afectivo-sexual co docente Marcos Barreira Baños, vicecoordinador da Rede Educativa de apoio LGBTIQ+ de Galicia
- Elaboración de corazóns multicores con cartolina para facer unha grileira
- Realización dun mural no exterior con motivo do Día do Orgullo LGBTIQ+
- Realización dun reel para Instagram contra os estereotipos de xénero na formación profesional
A modo resumo, salientar que educar en Igualdade nun CIFP polarizado entre familias profesionais, só é posible se o claustro traballa de forma colectiva, a partir da premisa de que a educación en igualdade é tarefa de todos, non só das mulleres. Esta debe ser a directriz dos equipos directivos que aposten por un modelo de coeducación real nos centros.
Se de algo me dei conta como coordinadora de Igualdade, é que os profesores, en especial os das familias masculinizadas, teñen un gran impacto no seu alumnado, en tanto que referentes profesionais e de novas masculinidades. É por iso que os seus testemuños e o seu exemplo son infinitamente valiosos para educar de forma específica aos rapaces. A loita pola igualdade, tamén é cousa de homes, como demostran neste vídeo os compañeiros.
Se queres acceder a memoria de coordinación cos resultados das actividades realizadas ao longo do curso, escribe un email a ecabanelas@edu.xunta.gal.
0 comentarios