Docentia

A Coordinación de Igualdade nun CIFP (II)

Eva Cabanelas Dopazo

lunes, 16 septiembre 2024
A implicación do profesorado e do alumnado nas actividades de Igualdade nun CIFP varia considerablemente entras as distintas familias profesionais. Mentres que as familias máis feminizadas amosan un gran compromiso, as familias masculinizadas son polo xeral, menos participativas. Neste sentido, o esforzo colectivo do claustro resulta esencial para chegar a todo o alumnado.

Un aspecto clave á hora de facer a programación de Igualdade do curso académico, é consultar a proposta de actividades do Concello, que adoita enviar esta información aos centros educativos a inicio de curso. As propostas inclúen proxección de películas, coloquios, visitas a exposicións… É labor da coordinación de Igualdade escoller os grupos que acudirán e avisar ao profesorado coa antelación suficiente para perturbar o mínimo a actividade docente.

A asistencia do alumnado a este tipo de actividades é controvertida, no sentido de que aínda que se traballan competencias transversais aos currículos e se desenvolven en horario de clase, a participación nas ACF (actividades complementarias a formación) non é obrigatoria segundo a lei. Este aspecto é de vital importancia para un CIFP, onde gran parte do alumnado é maior de idade. Isto leva asociada a problemática de programar actividades con determinados custos, que finalmente son aproveitadas por unha mínima parte do alumnado.

No segundo trimestre, leváronse a cabo as seguintes actividades:

Xaneiro (Día da Paz e a Non Violencia)

  • Elaboración de aves (pombas e grullas) de origami por parte do alumnado. Esta actividade desenvolveuse en colaboración coa Comisión de Convivencia e o equipo de Dinamización Lingüística, cos que a coordinación de Igualdade debe estar en continua comunicación
  • Realización dun vídeo en LSE co tema Imagine de John Lenon con motivo do Día da Paz

Febreiro (Día da Muller e a Nena na Ciencia)

  • Elaboración dun xogo de escape virtual para visibilizar mulleres STEM nos distintos ámbitos impartidos no centro
  • Charla-coloquio dunha muller referente nun sector masculinizado no marco da iniciativa 11F. O funcionamento é o seguinte: no primeiro trimestre, a persoa coordinadora debe inscribir o centro na web como solicitante dunha charla; unha vez anunciados os centros interesados, unha muller referente escribe ao centro a título persoal, para impartir unha charla/obradoiro de xeito voluntario e gratuito.
  • Realización de collages e infografías de mulleres referentes por parte do alumnado

Marzo (Día Internacional da muller)

  • Conmemoración do 8M coa proxección do documental “The mask you live in” e dinámica de reflexión sobre os estereotipos de xénero que afectan de forma específica aos rapaces (só dispoñible en inglés subtitulado)
  • Elaboración dun flash-mob por parte do alumnado do tema “As mozas somos guerreiras” de The Tetas Van
  • Vídeo-entrevistas as traballadoras do centro baixo o título “8 miradas do 8 M”

Cómpre subliñar tamén a posibilidade de participar no Programa Donas de Si do Plan Proxecta, que debe solicitarse a principios de curso. O profesorado participante ten prioridade para a realización do curso “Estratexias para a promoción da igualdade no ámbito educativo”, un curso moi interesante que permite realizar unha análise exhaustiva da situación do centro en materia de igualdade e aporta gran cantidade de recursos útiles. Sirva de exemplo o perfil de Instagram @mulleresdamarina creado pola profesora Alba Fernández Folgueira para visibilizar as mulleres da contorna do alumnado.

Se tes interese en obter o solucionario do xogo de escape 11F ou afondar nalgunha das actividades, non dubides en enviar un email a ecabanelas@edu.xunta.gal

Share Buttons
Categorías: FP

Contido relacionado

0 comentarios
L

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *